O Porriño | O Porriño dará a benvida este mércores á tempada de Nadal co acendido do seu alumeado. A praza Arquitecto Antonio Palacios acollerá a partir dos 17 h varias actividades para festexar por todo o alto o arranque do Nadal.
Ás 17 h actuará o grupo de gaitas Asubío e de seguido un pasarrúas de perxoases infantís e o espectáculo para nenas e nenos “A bailar no Nadal!” farán as delicias dos máis pequenos.
O gran momento chegará ás 18:30 h a cargo dos usuarios e usuarias de Aceesca, que unha vez máis serán os encargados de premer o botón que encherá a vila de maxia.
A festa seguirá cun concerto de Generación M e o espectáculo musical “Mitic. Christmas Family” da man de Álvaro Costas.
Concurso de iluminación e deseño
Xa está a piques de chegar o Nadal e O Porriño prepárase para festexalo por todo o alto con múltiples actividades. Unha delas, o Concurso de iluminación e deseño dos escaparates de Nadal nos establecementos comerciais e tamén nas vivendas do Porriño.
Con este concurso dende o Concello queren promover a participación activa da veciñanza e tamén visibilizar e apoiar ao seu comercio local, conseguindo unha colaboración máis completa para infundir un ambiente navideño decorativo. Todo isto, baseado en valores como o traballo en común e a cooperación.
As bases que rexerán o concurso xa se publicaron. Poderán participar vivendas e establecementos comerciais, hostaleiros e outros negocios empresariais que conten con establecemento físico e aberto ao público. Todos eles do Porriño.
No caso de establecementos comerciais valorarase o escaparate e/ou fachada. No caso das vivendas a decoración exterior.
A decoración deberá realizarse antes do 11 de decembro e deberá permanecer instalada ata o 7 de xaneiro. Así mesmo, entre o 11 e o 14 de decembro todos os participantes deberán enviar fotos ou vídeos da súa montaxe á dirección de correo electrónico rexistro@oporrino.org.
Haberá dúas categorías de participación, a de establecementos comerciais e a de vivendas. A dirixida a establecementos comerciais terá tres premios un primeiro de 1000 euros, un segundo de 750 e un terceiro de 500. No caso das vivendas os primeiro premio estará dotado de 500 euros, o segundo de 350 e o terceiro 250.
Os premiados serán elexidos polo voto ponderado dun xurado e tamén da votación popular que se efectuará a través das redes sociais do Concello do Porriño A inscripción xa está aberta e pode formalizarse por rexistro ou mediante o envío do formulario ao seguinte correo electrónico: rexistro@oporrino.org . As bases poden consultarse na páxina web municipal.