O Porriño | O Concello do Porriño sigue avanzando na elaboración da súa axenda urbana abrindoa á participación de toda a veciñanza a través dun cuestionario que ten como principal obxectivo coñecer as súas impresións acerca da situación actual do municipio e as súas propostas para o futuro.
Como adiantaron dende a entidade en días anteriores, a elaboración do documento estratéxico que marcará o camiño a seguir os próximos anos atópase en fase de participación tras o diagnóstico inicial. Esta semana están a desenvolverse as mesas sectoriais para determinar aspectos clave nos diferentes eidos, nas que están chamadas a participar as entidades sociais, económicas, medioambientais e políticas do Porriño.
Amte a importancia dos cambios que xerarán os proxectos e actuacións incluídos nesta axenda urbana de cara a xerar novas oportunidades para persoas e empresas na vila, dende o Concello abren o proceso para coñecer a opinión dos veciños e veciñas e convidalos a participar a través do cuestionario disponible na páxina web https://axendaurbanaoporrino.com/ , onde tamén se poderá acceder a toda a información relativa á Axenda Urbana e Rural que se está a desenvolver.
“A participación e o compromiso de toda a poboación é clave para alcanzar os obxectivos propostos e construír un futuro sostible para O Porriño a través dun enfoque integrador e inclusivo”, explicou o rexedor, “O consenso é esencial para crear un Porriño máis cohesionado, dinámico e amable”.
Cabe destacar que a enquisa é totalmente anónima, e pretende tan só obter a valoración por parte da cidadanía dos retos identificados nunha primeira fase de diagnose para, a continuación, dar resposta a estas problemáticas a través de proxectos e accións concretas.
“Re-coñecerse” para evitar condutas aditivas
O Concello do Porriño, a través da súa concellería de Sanidade, está a levar a cabo o primeiro bloque do Programa de promoción da saúde dirixido á mocidade “Re-coñecéndonos”, que se desenvolverá ao longo dos meses de abril e maio.
A entidade local volve apostar pola prevención de condutas aditivas co alumnado de 3ª da ESO dos institutos do Porriño, xunto con Mos, que se levará a cabo coa Asociación Érguete.
“Pretendemos romper cos mitos que rodean o alcohol, o tabaco, o cigarro electrónico ou vaporizador, as bebidas enerxéticas e o cánnabis”, explicou a concelleira, Teresa Veloso, “Para previr unha adicción, e saber dicir que non, hai que recoñecer os mitos e mentiras que rodean determinadas substancias e prácticas. Para isto, ninguén mellor que a Asociación Érguete”.
Desde o Concello destacan que este programa proporcionará información veraz, obxectiva e axeitada aos mozos e mozas para axudarlles a identificar o consumo de drogas como causa de dependencia, a coñecer as características das principais drogas consumidas de forma obxectiva e realista e contrastar a información que teñen sobre o consumo destas sustancias coa evidencia científica.
Este programa está financiado pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, a través dunha subvención para o cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas aditivas promovidos por concellos, mancuminades ou agrupacións de concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.