O Porriño anima a realizar as probas de detección precoz de cancro de colon

Campaña de AECC do Porriño e do Concello

O Porriño | A Xunta Local da AECC no Porriño está a desenvolver a campaña de prevención do cancro colorrectal entre a poboación maior de 50 anos, con motivo do Día Mundial para a Prevención do Cáncro de Colon que se celebra cada 31 de marzo.

Baixo o lema “O outro test. Do que ninguén fala pero que pode salvar a vida” preténdese concienciar sobre a importancia de realizarse unha sinxela proba en casa que pode identificar signos de lesións no colon e previr o alcance.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, achegouse ao punto informativo instalado frente ao Concello para respaldar esta campaña e reiterar á presidenta, Chelo Conde, a súa disposición a colaborar en todas as iniciativas de sensibilización xa que, apostando pola prevención poden salvarse moitas vidas.

“Igual que nos familiarizamos co test da COVID-19 debemos facelo con outro tipos de probas, como o TSOH”. “Este tipo de cancro, o de maior incidencia no noso país, pode detectarse precozmente e incluso nalgúns casos evitarse. Por iso é vital que a cidadanía participe nos cribados que poden axudar a superar este tipo de tumor no 90% dos casos se se detecta a tempo”.

Colaboración para os afectados por Silicose
O Concello do Porriño e a Asociación Galega de Afectados por Silicose asinaron a súa colaboración para avanzar na visibilización e prevención desta enfermidade.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o presidente de OSÍLICE, Jose Carlos Giráldez, formalizaron o convenio de colaboración a través do cal, a administración local contribuirá con 2.000 euros a visibilizar esta doenza e difundir os aspectos clínicos, preventivos e psicosociais da silicose por pedra natural entre a veciñanza.

Tal e como defendeu sempre o rexedor, o Concello, como administración máis próxima á cidadanía, debe recoñecer o labor social que desempeña esta asociación e contribuír no preciso para axudar ao gran número de afectados por silicose que hai no noso termo municipal.

Así, Lorenzo agradeceu en nome do Concello o “traballo que veñen desenvolvendo dende a súa constitución en 2013, asesorando e defendendo os dereitos dos enfermos de silicose, doenza que afecta a centos de persoas non só no Porriño, senón en toda Galicia”.

O rexedor explicou que na liña política do executivo “está destacada dende o principio a promoción deste tipo de accións de protección da saúde, en especial en colectivos de risco que polas características especiais do noso municipio, que desenvolve unha grande actividade no sector mineiro, son máis vulnerables”.

Sobre OSÍLICE
OSÍLICE é a primeira asociación de afectados por silicose de Galicia, e a terceira en España. Aínda que se creou no Porriño, onde ten a sede dende o ano 2013, o seu radio de actuación esténdese a toda a comunidade autónoma de cara a protexer os intereses dos afectados por esta enfermidade, facilitarlles información, orientalos, asesoralos e tamén prestar atención a calquera persoa que requira os seus servizos. A asociación foi fundada por un grupo de traballadores afectados pola doenza que decidiron poñerse en marcha para atender aos centos de persoas que como eles padecían esta enfermidade. Tan só na comarca hai diagnosticados uns 500 casos de silicose.