O Porriño | O Concello do Porriño vén de licitar a renovación do seu parque móbil mediante o sistema de renting empregando criterios de eficiencia enerxética, incorporando dous vehículos eléctricos, e de aforro do gasto público, reducindo o gasto en catro anos en máis de 216.000 euros pese a que o prezo de mercado presenta un considerable incremento.
Como vén defendendo Lorenzo dende que foi investido alcalde “hai que facer un uso responsable dos recursos públicos e axustar o gasto”. De aí que foran devoltos varios vehículos recollidos na anterior licitación e substituídos por coches utilitarios, mantendo o mesmo criterio nesta contratación.
Cabe destacar que os vehículos que conformaban o parque móbil foron vendidos no ano 2020 cando se fixo o primeiro contrato de renting, polo que neste momento non se dispón de coches en propiedade. “A intención deste goberno é ir adquirindo vehículos para consolidar o parque municipal e reducir deste modo e paulatinamente os que se dispoñen a través do sistema de renting”, explicou o rexedor, “Deste xeito resulta viable”.
O contrato ten unha duración de un ano prorrogable en un ano -sendo posibles ata tres prórrogas- e un orzamento anual de 102.656,4 euros, o que supón un aforro do 35% respecto do anterior. Así, o prezo por vehículo na licitación do 2019 oscilaba entre os 350 e os 850 euros, e na presente acótase de 300 a 350 euros, excepto en tres furgonetas de 390 euros.
A presente licitación inclúe a dotación de 18 furgonetas e 4 vehículos que se destinarán aos diferentes departamentos municipais. Serán concretamente 7 furgonetas pechadas diesel de dúas prazas e cilindrada de 1450 cc ou superior para as áreas de Vías e Obras, Parques e xardíns e Deportes; 8 furgonetas combi diesel de cinco prazas e cilindrada 1.450 cc ou superior para as áreas de Vías e Obras, Parques e Xardíns, Urbanismo, Notificador e Deportes; 2 vehículos de catro prazas mínimo motor mínimo 1200 e Etiqueta CERO para Servizos Sociais e Notificador e 2 coches de 5 prazas motor mínimo 1300 e Etiqueta ECO para Servizos Xerais.
Cabe destacar, que o lote que inclúe as 8 furgonetas combi quedou deserto na licitación pese a contemplar vehículos de segunda man, polo que se sacará de novo a licitación ampliando a marxe de quilometraxe.