O Porriño | A fin de semana no Porriño está marcada pola solidariedade. E é que dentro dos múltiples eventos que acollerá a Vila do Louro hai dous que destacan polo seu carácter benéfico.
O sábado 5 de outubro celebrarase un Bingo Solidario organizado por Acipor CCA Morea e o CRC, en colaboración co Concello do Porriño. Todo o recadado irá destinado ao proxecto “Miña casa, miña comunidade” de ACEESCA, que pretende ofrecer unha residencia inclusiva para 30 persoas con grandes necesidades de apoio, axudándolles a vivir de maneira independente e segura na comunidade de Torneiros.
O Bingo Solidario ofrece unha noite de diversión asegurada na que se repartirán máis de 1.000 euros en premios. Celebrarase no salón de actos do Círculo Recreativo Cultural a partir das 21 h. A entrada é libre ata completar aforo, así que, animádevos a participar!
Xa o domingo 6 de outubro, levarase a cabo a II Carreira de Empresas de Galicia -XIII Interrunning, que este ano ademais inclúe a I Andaina Antonio Palacios. Este evento deportivo ten un nobre propósito, xa que os fondos recadados irán á asociación de axuda aos nenos de oncoloxía do hospital Álvaro Cunqueiro, Bicos de papel, e tamén á Asociación Española Contra o Cancro e ao programa municipal de alimentos SOS Porriño. Contará tamén coa participación de Discamino, abrindo un horizonte máis inclusivo para as seguintes edicións.
“Esperamos vervos a todos e todas para disfrutar dun gran fin de semana e, ao mesmo tempo, contribuir a causas moi importantes”, concluíu o alcalde, Alejandro Lorenzo, “É unha gran oportunidade de axudar e sei que O Porriño, como sempre, será exemplo de empatía e traballo en equipo”.
Crear conciencia coa reciclaxe
Pola súa banda a Praza de Abastos de Porriño converteuse hoxe nun punto de encontro para a concienciación sobre a xestión de residuos e a reciclaxe. Desde as 10:00 ata as 13:00 horas, instalouse unha mesa informativa dirixida tanto aos/as usuarios/as do mercado como aos/as praceiros/as, co obxectivo de promover prácticas sostibles no manexo de residuos.
Desde as concellerías de Medio Ambiente e Limpieza, que dirixen Antía Carrera e José Carlos González, apuntan que a correcta xestión do lixo no fogar e en espazos como a Praza de Abastos é fundamental, xa que se xera un volume significativo de residuos, especialmente orgánicos. “É esencial que todos tomemos conciencia da importancia de separar e reciclar adecuadamente, non só para reducir a cantidade de residuos que enviamos ás entulleiras, senón tamén para contribuír á saúde do medio ambiente”, explicou a concelleira, Antía Carrera.
Un dos puntos destacados da mesa informativa foi a promoción do uso de composteiros. “Compostar os restos orgánicos non só axuda a diminuír a cantidade de lixo, senón que tamén produce un abono natural que pode ser utilizado en xardíns e hortas, pechando así o ciclo natural”, engadíu a edil. O Concello de Porriño está comprometido coa ecoloxía e a sustentabilidade, e esta iniciativa é só una das moitas accións que se están levando a cabo para concienciar á veciñanza do impacto das nosas accións na contorna. “Agradecemos a todos os que se achegaron á mesa informativa xa que xuntos, podemos marcar unha gran diferenza na xestión de residuos e na promoción dun estilo de vida máis sostible”, indicou o concelleiro, José Carlos González.