O Porriño | O BNG acadou o voto unánime do pleno da corporación municipal para esixir melloras na atención do Centro de Saúde do Porriño. Hai tan só tres meses, o Partido Popular e a propia concelleira de Política Social negaba a saturación das axendas no Porriño, cando ata a propia Xunta de Galicia recoñeceu no Plan Local de Saúde 2023-2026 que existían necesidades sanitarias non cubertas, con cupos por riba das ratios recomendadas.
Segundo os nacionalistas porriñeses o novo centro de saúde “serviu para unha nova estratexia de propaganda política do PP: foron capaces de privar ao Porriño desta urxente necesidade ata que non mudara a cor do goberno municipal, pero non supuxo a ampliación médica que estabamos agardando, dadas as características demográficas do noso concello”.
O Porriño presenta unha elevada densidade de poboación ó atraer novas veciñas e veciños dos concellos da área de Vigo. Ademais, leva anos sendo dos poucos concellos galegos con saldo vexetativo positivo, cunha taxa de natalidade e fecundidade superior á media da provincia. A poboación que ten asignada o Servizo de Atención Primaria do Porriño vai en aumento tanto en maiores de 65 anos como en idade pediátrica, pero isto non se reflicte no cadro de persoal do novo centro de saúde.
No pleno de decembro e a iniciativa do BNG, aprobouse instar a Xunta de Galicia a dotarsuficientemente os servizos básicos diarios, a cubriras ausencias médicas e a ampliar asprazas de pediatría (no PAC compartido con Salceda e Mos) e enfermería obstétrico-xinecolóxica. Tamén se require que se dote de persoal o espazo habilitado para fisioterapia e saúde mental, servizos de apoio non prestados actualmente.
A moción presentada polo BNG engade a demanda de que se dote a Unidade de Adiccións a Drogodependentes do personal necesario, un servizo especializado na atención a persoas con conductas adictivas dos concellos de toda área sanitaria: O Porriño, Mos, Salceda de Caselas, As Neves, Arbo, Covelo, Crecente, A Cañiza, Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Ponteareas, Redondela, Salvaterra de Miño, Mondariz, Mondariz Balneario, Oia, O Rosal, A Guarda, Tomiño e Tui. Tamén se pide que se realicen as actuacións necesarias para que a UAD sexa integrada no novo centro sanitario, xa que é un servizo dependente da Subdelegación Xeralde Saúde Mental e Drogodependencias da Xunta de Galicia e non ten que ser excluído das novas instalacións sanitarias.
A fenda galega en investimento en servizos públicos –afirma o BNG– “volveuse incrementar coa media estatal. Só Andalucía e Madrid destinan á sanidade menos fondos que Galicia, segundo os datos publicados estes días pola Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef)”.