O Porriño aproba un crédito extraordinario e 340.000€ ante a emerxencia pola escorrentía da A-52

Permitirá a reparación das infraestruturas afectadas en Gulpilleira

O Porriño | O Pleno do Concello do Porriño aprobou a concesión dun crédito extraordinario, financiado con Remanente Líquido de Tesourería, para afrontar diversos investimentos urxentes, entre os que destaca a execución da obra de Renovación das redes de saneamento nos viais do lugar de Gulpilleira pola escorrentía de augas pluviais da A-52, cun importe de adxudicación de 327.943,81 euros, máis 16.846,81 euros destinados á dirección de obra e á coordinación de seguridade e saúde. O punto foi aprobado cos votos a favor do Partido Popular, mentres que BNG e PSOE manifestaron a súa oposición á aprobación.

Esta actuación foi declarada de emerxencia mediante Decreto da Alcaldía, debido ao grave deterioro do firme viario e á inclinación dos peches das propiedades, poñendo en risco a seguridade de viandantes, peóns e condutores. A situación agravouse tras os últimos temporais, xerando un escenario de alto perigo, tal e como sinalaron os informes dos técnicos municipais.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “a situación na Gulpilleira é insostible e non podemos seguir agardando polo Ministerio. A protección dos nosos veciños está por riba de calquera outra consideración. O Concello actúa con responsabilidade, e tanto os nosos técnicos como a Deputación de Pontevedra sinalan que a tubaxe existente resulta insuficiente para recoller e desaugar os caudais procedentes da drenaxe transversal da A-52, o que provoca problemas de acumulación e deterioro no lugar. Estamos en contacto co Ministerio para lograr un convenio que permita que Fomento asuma parte dos custes desta intervención tan necesaria”.

Pola súa parte, o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, subliñou que “esta escorrentía foi causada pola propia construción da A-52 sen prever un sistema de drenaxe adecuado. Agora, décadas despois, somos nós quen temos que poñer solución a un problema que, por xustiza, debería resolver o Ministerio. Iso si, ante o perigo actual, o Concello ten que actuar de forma inmediata para garantir a seguridade cidadá”.

O proxecto contempla ademais a renovación completa das redes de saneamento, abastecemento, pluviais, así como a reposición dos pavimentos e renovación da iluminación pública e canalizacións de telecomunicacións. As obras, que afectarán a viais de titularidade municipal como a rúa Gulpilleira, Antonio Palacios e Fernández Areal, terán un prazo estimado de execución de seis meses.

A día de hoxe, o Concello atópase á espera da emisión dos informes sectoriais correspondentes por parte do Ministerio de Fomento para poder iniciar as obras, comprometéndose a seguir traballando para que se concrete o convenio de colaboración. Con esta actuación, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa seguridade cidadá e a mellora das infraestruturas municipais.

Seguridade polo Apagón eléctrico
O Concello do Porriño vén de activar un operativo especial co obxectivo de facer fronte ao apagamento eléctrico que, desde o mediodía deste luns, afecta a toda a península ibérica. Ante esta situación extraordinaria, o alcalde, Alejandro Lorenzo, anunciou unha batería de medidas destinadas a garantir a seguridade da poboación, a continuidade dos servizos básicos e o apoio ás empresas e establecementos comerciais do municipio.

“Estamos diante dunha emerxencia sen precedentes que require unha resposta rápida e eficaz. O noso compromiso é claro: traballar para protexer á veciñanza e asegurar que dispoñan dos medios necesarios para afrontar esta situación nas mellores condicións posibles”, afirmou Lorenzo. O rexedor explicou que, como primeira medida, instalouse un xerador de emerxencia na Casa Consistorial, que permitirá restablecer o funcionamento dos servizos municipais esenciais. Este dispositivo tamén estará dispoñible para que a cidadanía poida recargar aparatos sanitarios, dispositivos electrónicos fundamentais ou realizar outras necesidades básicas en caso de emerxencia.

O operativo especial contempla tamén o despregue reforzado da Policía Local, con sete patrullas distribuídas polo municipio, así como a participación de Protección Civil, servizos de emerxencias e persoal municipal, co obxectivo de asegurar a protección cidadá e ofrecer apoio en todo o termo municipal. As tarefas de control e supervisión están a desenvolverse de forma continua tanto no casco urbano como nas parroquias, reforzando a presenza nos espazos máis sensibles para preservar a seguridade e atender calquera eventualidade. A falta de funcionamento dos semáforos obrigou a que a regulación da circulación sexa realizada manualmente nos principais cruces e puntos de maior tránsito, procurando evitar accidentes e garantir a fluidez do tráfico.

En coordinación co centro de saúde local, tamén se reforzou o apoio sanitario, garantindo que se manteñan operativos os servizos médicos para atender á poboación en caso de emerxencia. O Concello estableceu un protocolo de seguimento constante da evolución da situación, mantendo contacto permanente cos servizos autonómicos e estatais para adaptar o dispositivo municipal a medida que sexa necesario.

O alcalde realizou un chamamento á responsabilidade individual e colectiva da cidadanía. “Pedimos á veciñanza que evite desprazamentos innecesarios, que extreme a precaución nas vías públicas, especialmente nas interseccións sen regulación semafórica, e que empregue o 112 só en casos de verdadeira urxencia, para non colapsar a liña de emerxencias”, destacou Alejandro Lorenzo. Ao mesmo tempo, agradeceu “a colaboración, o comportamento exemplar e a comprensión da veciñanza, nun contexto que, sen dúbida, está poñendo a proba a nosa capacidade de resposta como sociedade”. Desde o Concello tamén se lembra que calquera nova información ou recomendación será comunicada a través dos medios oficiais e dispoñibles, asegurando así que a poboación estea puntualmente informada das evolucións e novas medidas que poidan ser necesarias.

 

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.