O Porriño, capital galega do Hip Hop

600 deportistas participarán este 2 de marzo na Liga Galega Xunta de Galicia de Hip Hop

O Porriño | Porriño será o escenario, o vindeiro domingo, da primeira proba da Liga Galega Xunta de Galicia de Hip Hop. Se o pasado ano a vila do Louro fora a elixida para albergar a final, nesta ocasión o é para iniciar este circuíto de competición.

O polideportivo municipal do Porriño acollerá, en horario de 14.00 a 20.00, a preto de 600 deportistas procedentes de todo o territorio galego. Estableceranse tres categorías: grupos, parellas e individual, e dentro de cada unha delas diferentes niveis en función da idade, abranguendo dende os Baby (menores nados entre os anos 2016 e 2021) a Premium (deportistas nados en 1995 e anos anteriores).

“É para nós unha honra volver a acoller un evento destas magnitudes”, sinala o alcalde Alejandro Lorenzo. “No Concello do Porriño apostamos polo deporte en cada unha das súas disciplinas e o baile ten agora o seu protagonismo. É un orgullo que O Porriño volva a ser un dos lugares escollidos para celebrar esta Liga Xunta de Galicia de Hip Hop”, remarca o rexedor local.

A competición está organizada polo Club de Baile Deportivo Pasos-Bailegalicia dende o cal lembran que “o baile deportivo estivo presente nas Olimpiadas de París 2024 na modalidade de Breaking e é un espectáculo de gran vistosidade para o público que está evolucionando moito. Nas ultimas edicións dos World Games foi o deporte con maior audiencia en televisión e público”, apunta Miguel Abreu, director da competición e do Club Pasos-Bailegalicia. O prezo da entrada é de 10 euros.

Trala cita do vindeiro domingo, 2 de marzo, no Porriño, os participantes teñen por diante outras catro para seguir sumando puntos, o 22 de marzo en Fene, o 10 e 11 de maio en Narón, o 8 de xuño en Lugo e o 22 dese mesmo mes en Vigo.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.