O Porriño | A semana da celebración do 179 aniversario do nacimento de Rosalía de Castro, que se conmemora en toda Galicia con distintos actos nos que se lembra a vida e obra da poetisa de Padrón, chega ao Porriño da man de Larraitz Urruzola e Teatro Antroido.
Hoxe no Centro Recreativo e Cultural, ás 8 da tarde, á actriz e titiriteira Larraitz Urruzola, por medio de monicreques de grande talla e manipulación de obxectos, acompañada cunha música acaída e composta para esta ocasión, achega ao público as pasaxes máis importantes da vida e obra de Rosalía, unha muller culta, traballadora, valente e que interpretou como ninguén un tempo histórico na súa Terra .
‘A viaxe de Rosalía’, invita aos espectadores máis pequenos e as ás súas familias, a viaxar xunto coa escritora e a súa madriña Francisca, por medio dun espectáculo cargado de maletas, teas, zapatos e libros a época na que viviu a escritora máis representativa e coñecida de Galicia e moitas das pasaxes da súa poesía, do seu tempo e da fonda sensibilidade e relación co mundo que reflicte nos poemas que lle sobrevivieron e que forman parte esencial da cultura e da forma de entender dos galegos.
O domingo 28 ás 8 da tarde no mesmo escenario Laura Ponte e Roi Vidal, de Teatro Entroido, protagonizarán un acto poético, didáctico e divertido co que pretenden ofrecerlle ao gran público as facetas menos coñecidas desa grande muller que foi Rosalía de Castro. “Rosalías” achegará unha manchea de textos de e sobre Rosalia de Castro para contribuír a espallar unha imaxe renovada na que a padronesa xa non é esa muller sensibleira e romanticona, senón unha intelectual feminista comprometida coa análise da sociedade do seu tempo.