O Porriño | A alcaldesa Eva Garcia asinou hoxe a convocatoria da Comisión Especial para a Descontaminación de Líndano, que se reunirá de novo o mércores 24, ás 19:00 horas, no salón de plenos do Concello.
Nesta reunión, o goberno local informará sobre as calicatas que están a desenvolver no municipio as empresas “Geocysa” e “Edafotec”.
Esta Comisión constituíuse o 19 de febreiro de 2020, para cumprir un mandato da corporación que aprobou unha moción formulada polo grupo municipal de EU SON que propiciou o acordo plenario unánime para a creación desta Comisión Especial.
Forman parte da mesma todos os grupos políticos da corporación (PP, PSOE, EU SON, BNG e UDDL). Tamén están representadas as Consellerías de Medio Ambiente e de Sanidade da Xunta de Galicia; os tres principais sindicatos (CCOO, UXT e CIG); representantes veciñais de Relva, Alba e San Salvador; a Plataforma de Afectados polo Líndano e, a partir deste vindeiro mércores, incorporase a asociación “Ecoloxistas en Acción”.
Tarxetas para control da poboación felina
Pola súa banda, Lourdes Moure, concelleira de Seguridade, asistida por Daniel Rodríguez, inspector xefe da Policía Local, entregou as tarxetas acreditativas ás voluntarias e voluntarios que participan na campaña de control da poboación felina que promove o Concello.
Por outra banda, a concelleira informou de que o acordo para a esterilización da poboación felina xa se renovou por segundo ano. Contratouse cunha clínica veterinaria local que nesta ocasión será “Lupus”, á que se adxudican 3.000 euros por estes traballos.