O Porriño | O goberno municipal do Porriño, que preside Alejandro Lorenzo, levará nas próximas semanas a pleno a súa proposta de orzamento para o que resta de ano.
As contas que se presentan para rematar o exercicio 2023 ascenden á cantidade de 19 M de euros, incluíndo de forma equilibrada a totalidade dos ingresos e gastos previstos e respectando o obxectivo de estabilidade orzamentaria.
“É unha planificación económica ambiciosa, cun marcado carácter expansivo, xa que experimenta un crecemento dun 36,23% respecto do orzamento vixente, prorrogado de 2018, sendo o máis elevado da historia deste concello ao superar en 5 M de euros ao anterior”, explicou o rexedor, “Pero, sobre todo, trátase dun orzamento real froito dunha análise exhaustiva das necesidades primordiais do Concello, da xestión eficiente dos recursos públicos e elaborado con prudencia, rigor e pensando nun achegamento á cidadanía para dar unha resposta áxil e inmediata ás súas demandas máis urxentes”.
O rexedor apuntou que a proposta que se levará a pleno está feita a medida para regularizar no que resta de exercicio a situación económica na que se atopaba o Concello, unha situación orzamentaria insostible que provocou ter que iniciar o ano con expedientes de modificación orzamentaria. “É un orzamento de transición, que nos vai permitir poder encarar os seguintes partindo dunha situación administrativa regulada e dunhas contas saneadas. Por iso, lonxe de rematar a tarefa con este documento, estamos a traballar xa no do 2024, no que poder dar cabida a cada unha das demandas da sociedade porriñesa”.
Eixos fundamentais de actuación: servizos básicos e programas de contido social
O novo orzamento céntrase en garantir a prestación da totalidade dos servizos básicos, así como dos programas de contido social: promoción e benestar social, axuda no fogar, gasto en educación, fomento de emprego, carencia enerxética, promoción do deporte de base, desenvolvemento cultural, etc., aumentando con carácter xeral todas políticas de gasto.
A liña principal de traballo marcada polo executivo para a planificación dos ingresos foi a de manter a carga impositiva municipal para este ano, o que supón un pequeno e necesario aforro para os petos da veciñanza. Para facelo posible, destinarase remanente para levar a cabo as inversións necesarias. No tocante aos gastos céntrase na dotación necesaria par atender aos compromisos adquiridos co persoal, proveedores e novas contratacións, destacando o incremento substancial da prestación de servizos a toda a comunidade, de maneira regulada e legal. Hai que resaltar o compromiso do goberno por manter e reforzar os servizos sociais e a mellora dos servizos municipais consignando no orzamento a tal fin a maior porcentaxe de gasto, con 2 M de euros destinados a asistencia social.
Nova estrutura do goberno municipal
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, anunciou hoxe a nova estrutura do goberno local e delegacións de competencias. O rexedor aposta polo proxecto iniciado dende que preside a corporación dando continuidade ao labor que levaron a cabo os concelleiros e concelleiras no último ano , un labor apoiado na experiencia e a xestión que se reforzará coa creación de novas áreas que ampliarán a calidade do servizo que se presta á veciñanza.
“O Porriño afronta grandes retos nos próximos catro anos e para facelo contará cun equipo comprometido, eficaz e cohesionado que traballará de forma transversal para atender as necesidades dos veciños”, explicou o rexedor, “Centraremos a nosa liña de traballo na atención ás persoas e na correcta prestación dos servizos públicos, e para iso creamos novas áreas que reforzan as actuais como a de Participación cidadá e asociacións, Consumo, Migración, Infancia e Promoción e xestión da vivenda”.
Estas novas concellerías traballarán de maneira coordinada coas xa existentes, permitindo ao equipo de goberno dar unha maior resposta ás necesidades que se detectan no eido dos servizos e do social, os dous piares nos que Lorenzo sustenta o seu proxecto para O Porriño. Asemade, designaranse catro tenencias de alcaldía que corresponderán a Carlos Martínez, Carolina González, Abel Estévez e Antía Carrera. O rexedor convocou xa o pleno de organización, que se celebrará o luns 26 de xuño ás 9 h.
Reparto de áreas
Alejandro Lorenzo: Facenda e Persoal
Carlos Martínez: Industria, Contratación e Patrimonio
Carolina González: Educación, Igualdade e Normalización Lingüística
Antía Carrera: Urbanismo, Promoción e xestión da vivenda, Medio Ambiente e Mercados
Abel Estévez: Deportes, Servizos Sociais, Seguridade, Policía Local e Protección Civil
Ramón Porto: Vías, Obras e Servizos
Rosa Isabel Alonso: Comercio, Transparencia, Infancia, UNED e Programas Europeos
José Carlos González: Parques e xardíns, Limpeza e Cemiterio
Bienvenido Estévez: Cultura, Festas e Novas Tecnoloxías
Rosario Costas: Emprego e formación
Marcos Martínez: Parroquias, Comunidades de augas e montes e Parques infantís
Vanessa Ucha: Turismo, Migración e Mobilidade
Antonio Barros: Xuventude, Terceira idade e Participación cidadá
Teresa Veloso: Sanidade e Política social
Bárbara Troncoso: Atención cidadá e Protocolo
Ricarlo Losada: Consumo e Parque móbil