O Porriño | O Consorcio de Augas do Louro vén de adxudicar as obras de extensión da rede de saneamento na parroquia de Chenlo, que beneficiará a preto de 100 veciños e veciñas da parroquia.
En total, executaranse 876 m de tuberías e executaranse 40 pozos de rexistro de formigón, para conectar 32 vivendas. Ademais, realizarase o recrecido de 13 arquetas existentes e 104 de cuneta de formigón.
A obra licitouse cun orzamento base de case 260.000 euros e xa foi adxudicada por 240.000 euros, polo que os traballos darán comezo nas próximas semanas.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, visitaron a zona onde se levarán a cabo as obras reiterando que o compromiso do goberno local coa acometida do saneamento segue a ser firme e unha actuación prioritaria.