O Porriño | O Concello do Porriño promove unha campaña de control da poboación felina en liberdade a través da cal se esterilizarán 120 gatos que forman parte das colonias controladas no municipio.
A concellería de Medio Ambiente, que dirixe Antía Carrera, vén de formalizar o contrato cunha clínica veterinaria sita no Porriño que levará a cabo a esterilización de 90 femias e 30 machos.
O Obxectivo desta actuación é a captura dos animais para a súa esterilización e posterior solta, en aplicación do método CES ( captura, esterilización e solta) e así evitar o crecemento descontrolado da poboación felina.
Este ano contaremos coa colaboración de Proxecto Gato que se encargará, xunto coas voluntarias e voluntarios acreditados polo concello, de conseguir este obxectivo.
A maiores, o concello está na redacción dun convenio con Proxecto Gato xa que entendemos que esta colaboración máis estreita é necesaria para poder cumprir obxectivos comúns como é a protección e o benestar dos animais.
“Imos seguir apostando por este sistema porque permite facer un control ético das colonias”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.
“Temos o compromiso firme de alcanzar o máximo nivel de protección e benestar dos animais, ademais de asegurar a súa convivencia coa veciñanza. Nesa liña traballamos”.
No mesmo sentido se manifestou a concelleira de Medio Ambiente. “No Porriño temos algunhas colonias felinas urbanas e periurbanas controladas e a esterilización mellora a vida dos animais e diminúe considerablemente o tamaño dos grupos”.