O Porriño | A Consellería de Educación e a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) anunciaron a posta en marcha, a partir deste mes de marzo, de “LOURIÑA TV ESCOLAR”, unha canle de televisión escolar municipal por Internet no Porriño.
Lourdes Moure, concelleira de Educación explicou que “esta canle online pretende ser un proxecto colectivo de innovación educativa, no que poidan estar implicados tódolos centros de ensino do Concello ao elaborar os seus propios programas de televisión”.
Moure enmarcou esta iniciativa, que definiu como “unha actividade súper innovadora” na “vocación do departamento que dirixo para seguir progresando no camiño que iniciamos coa consecución do título de Cidade Amiga da Infancia, coa celebración anual dos plenos infantís e dos numerosos programas de actividades que mantemos en colexios e institutos”, engadiu.
O desenvolvemento do proxecto realizase en colaboración coa entidade “Atelier Social”, representada na roda de prensa celebrada hoxe no Concello por Rubén Varela e Pedro Iglesias. Segundo explicaron o lanzamento desta canle virá acompañado dun obradoiro de formación audiovisual e de xornalismo para o alumnado participante, cos recursos e coñecementos suficientes para que os propios rapaces e rapazas sexan quen de realizar as distintas pezas audiovisuais.
“A primeira fase do proxecto se realizará de xeito experimental dende este mes e ata final de curso, con cada un dos centros participantes elaborando un programa piloto. A segunda fase arrancará ao comezo do curso que vén, cunha programación semanal estable”, segundo subliñou Pedro Iglesias.
Preocupación polos atrasos na vacinación do persoal do Servizo de Axuda ao Fogar
O Concello do Porriño trasladou a súa “preocupación” á Dirección da Área Sanitaria de Vigo polos atrasos na vacinación do persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), atribuídos a “problemas técnicos”.
Na carta enviada hoxe desde a Alcaldía, indicase que “a día de hoxe cónstannos que soamente foron vacinados cinco traballadores dun total de cincuenta e cinco”.
A misiva que firma Pedro Pereira como alcalde accidental, remata solicitandolle “celeridade no proceso” a Javier Puente, xerente da Área Sanitaria de Vigo.