O Porriño | O Concello do Porriño abriu este sábado a súa nova Sala de Estudo, dotada con 80 postos que ofrecen as condicións necesarias para facilitar a concentración dos usuarios e usuarias.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, inauguraron este espazo nun acto no que estivo presente unha ampla representación da comunidade educativa, tecido asociativo e empresarial e tamén usuarios deste servizo. Iker Faure, ao teclado e voz, e o profesor da Escola Municipal de Música, Jacobo García, ao violonchelo, puxeron a banda sonora ao evento.
A nova sala de estudo está ubicada nun local de 207 metros cadrados na rúa Antonio Palacios, ao carón do Concello, que requeriu unha inversión de 140.000 euros para acondicionalo. Conta con 80 postos de estudo, conexión wifi e cun sistema de acceso libre e gratuíto, controlado mediante tarxeta con porta automatizada. Para facer uso da mesma só é necesario rexistrarse na Biblioteca Municipal.
Estará aberta ao público todos os días da semana, en horario de mañá e tarde, con reforzo en época de exames tal e como reclamaba a veciñanza.
“Atendemos unha importante demanda da mocidade porriñesa, e da cidadanía en xeral, habilitando un espacio en condicións onde poder estudar nun ambiente tranquilo, agradable e que favorece a concentración”, explicou o rexedor, engadindo que coa apertura deste espazo “tamén fixemos posible que a Escola Municipal de Música puidera volver á súa ubicación orixinal, no Centro Cívico. Algo que tamén era moi necesario”.
Ademais, o goberno municipal avanza así no seu propósito de descentralización dos servizos municipais que persigue habilitar novos recursos en diferentes lugares do termo municipal para achegalos á cidadanía e dinamizar a vila.
“Invertir en educación e cultura é invertir en futuro”, concluíu Lorenzo.
Máis de 3 millóns€ en saneamento das parroquias
O Concello do Porriño investirá máis de 3 M de euros na acometida de obras de saneamento en todas as parroquias do municipio.
A tal fin, hoxe levou a pleno estas actuacións, consideradas de carácter urxente e que non poden ser demoradas ata o exercicio seguinte por ser prioritarias, forman parte dunha liña de actuación integral e contan xa coas pertinentes autorizacións sectoriais e proxecto.
Os proxectos engloban actuacións en A Graña-Sequeiras (766.390,10 euros), Arrotea-Budiño (185.909,45 euros), Abelenda e Figueiras (125.188,22 euros), Cerquido (82.473,71 euros), Benunes (556.618,62 euros), Sobral-Eiriz (355.211,51 euros), Penedo-O Toxal-Chenlo (523.261,97 euros), Rega da Lama-Budiño (85.225,61 euros), conexión en Torneiros (144.951,07 euros), conexión en en O Seixo-Arrotea-Pontellas (199.140,26 euros).
A estes hai que engadir unha liña de subvencións para investimento para aquelas vivendas do Porriño que non teñen posibilidade de conexión á rede de saneamento por ubicarse nunha cota de altura que precisa a instalación de bombeo individual. Tras un estudo preliminar realizado para estimar a magnitude desta problemática, identificáronse un total de 53 vivendas que requiren de instalación dun bombeo para conectarse ao sistema de saneamento: trece en Mosende, nove en Torneiros, sete en Atios e outras tantas tamén en Cans e Pontellas, cinco en Budiño, dúas en Chenlo e tres no Porriño. . A tal fin destinouse un crédito de 108.000 euros.
“O noso obxectivo principal segue a ser alcanzar o cen por cen do saneamento en todo o municipio e facelo á maior brevidade posible, xa que hai demasiada veciñanza que non dispón deste servizo esencial”, explicou o rexedor, Alejandro Lorenzo, “Canto entramos no goberno había pendente de execución obras por valor de 14 millóns de euros, na actualidade restan 11 e ademais de recorrer ás demais administracións, como a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o propio Consorcio de Augas do Louro, para sufragar este gasto temos que destinar fondos municipais. Non podemos dilatalo máis tempo e se hai un problema urxente que resolver no Porriño sen dúbida é este”.