O Porriño | O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación e Programas Europeos, Carolina González, recibiron onte aos representantes dos centros de educación de Italia, Grecia e Rumanía que xunto co Porriño participan no proxecto “Higher Education – Entreprise platform for fostering, modernisation and sustainable growth in natural stone industry in Western Balkans”.
Trátase dun proxecto no que socios da Unión Europea trasferirán as súas competencias e coñecementos relacionados coa extracción, elaboración, colocación e comercialización no sector da pedra natural aos Balcáns.
No frente galego, representan ao proxecto o IES Ribeira do Louro, da man do seu impulsor Amador Ordoñez, que traballa baixo a Secretaría Xeral de Educación e Formación, e a Universidade da Coruña.
No que respecta aos países da Unión Europea, participarán centros de educación superior e FP de España, Italia, Grecia e Rumanía e como receptores do coñecemento participan universidades de Albania, Bosnia Herzegovina, Montenegro e Kosovo.
“O Porriño é un lugar de referencia na industria mineira polo que, ademais de exportar pedra podemos exportar os nosos coñecementos e experiencia a países cun gran potencial no sector, nos que as súas empresas institucións de formación carecen dos coñecementos e tecnoloxías que lles permitan acceder aos mercados internacionais”, explicou o alcalde, que aproveitou para dar a noraboa aos organizadores pola iniciativa xa que, “Para nós é un pracer manter estas sinerxias á vez que os nosos estudantes aprenden e se forman”.
1.680 litros de leite a SOS Porriño
A empresa Ceamsa (Compañía Española de Algas Marinas S.A.) doou 1.680 litros de leite ao banco municipal de alimentos SOS Porriño. A compañía amosa así a súa disposición a colaborar co Concello do Porriño na prestación deste servizo que atende ás familias máis necesitadas do municipio.
O concelleiro de Servizos Sociais, Abel Estévez, quixo agradecer enormemente este “xesto solidario cos veciños e veciñas que están a atravesar unha situación de vulnerabilidade. Un xesto que nestes momentos de incertidume que estamos a vivir adquire máis valor se cabe”.
O edil fai un chamamento á cidadanía a colaborar con SOS Porriño e informa de que nos caixóns instalados nos centros culturais, pavillón e colexios para a recollida de roupa e alimentos para Ucrania tamén se está a recoller produtos que necesita o banco municipal de alimentos. Concretamente necesítase leite, pasta, produtos de hixiene infantil (cueiros tallas 4, 5 e 6, toalliñas, xeles..) e alimentación para bebés.