O Porriño | O grupo Xeración M vén de proclamarse gañador do concurso “Este Nadal canta con nós” da CRTVG e con tal motivo foi recibido no Concello do Porriño. O alcalde Alejandro Lorenzo trasladoulle os parabéns e entregoulles un pequeno obsequio como mostra do éxito logrado. “Javier, Antón, Fabio, Raúl, Javi e Mateo son boa mostra da canteira de artistas coa que conta a nosa vila e que dende o Concello sempre apoiaremos”, sinala o rexedor.
“Soará o Nadal” é o título da canción coa que este grupo de rapaces de 11 e 12 anos, alumnado da Escola de Música e Danza Maison do Porriño, gañaron este certame e que será a melodía coa que os medios públicos felicitarán as festas a todos os galegos e galegas este 2023. Así, o tema poderá escoitarse na TVG, na Radio Galega e nas redes sociais da CRTVG ao longo de todo o Nadal. Con todo dende o Concello porriñés augúranlle moito más éxito “que, sen dúbida, soará en todos os recunchos”.
O xurado, composto por Iago Pico, produtor musical de Tanxugueiras; Fernando R. Ojea, director da Área de Contidos da CRTVG; Rosa Sierra, subdirectora de Programación e Emisións da TVG; Vanessa Grela, xefa de Programación da TVG, e Tania F. Lombao, xefa de Programas da Radio Galega, destacou a calidade da peza musical e do vídeo presentado e o esforzo que hai detrás da proposta ‘Soará o Nadal’.
Na presente edición, “Este Nadal canta con nós” recibiu 33 propostas, entre as que o xurado elixiu a gañadora e cinco finalistas. Esta é a novena edición do concurso musical da CRTVG, a cal precisamente o ano pasado gañara o grupo xuvenil Kings Kids, “os irmáns maiores” de Xeración M, alumnado tamén de Maison, no Porriño.