Pontevedra | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, asinaron este mércores un convenio de colaboración enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o goberno provincial financiará con 920.000 euros, o 67 % do orzamento, os traballos da humanización da rúa Pío XII e a súa contorna.
O Concello, pola súa banda, achega o 33 % do total, preto de 460.000 euros. A sinatura do protocolo tivo lugar este mércores nun acto que supuxo a primeira visita institucional a O Porriño de Luis López como presidente da Deputación, un encontro no que destacou a cooperación entre ambas as administracións para executar proxectos que transformen e melloren a calidade do espazo urbano.
A obra, valorada en case 1,4 millóns euros, forma parte dun plan máis amplo que se dividirá en tres fases e que ten o obxectivo de transformar e humanizar toda a mazá do centro social que está comprendida entre as rúas Antonio Palacios, Avenida Domingos Benos, Pío XII e Ramón González. Con todo, o obxecto deste convenio céntrase unicamente na primeira fase deste plan, que é a humanización da rúa Pío XII.
O proxecto consiste na creación dun gran espazo público pensado para dar prioridade á mobilidade peonil e máis importancia as zonas verdes ao tempo que se limita o paso de vehículos. Para conseguilo está prevista a creación dun espazo continuo, accesible e verde no que se mellorará a comunicación peonil entre o centro urbano e a rúa Pío XII, crearanse novas zonas de convivencia baixo a sombra de novas especies arbóreas, buscarase a apertura da contorna do centro social coa rúa e o parque e executarase a renovación integral da zona de ocio infantil.
Ao mesmo tempo, na calzada de Pío XII renovaranse todas as redes de servizos, dotarase dunha plataforma única que conecte coa nova zona verde da contorna e reducirase o tráfico e a súa velocidade a 20km/h.
Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre Deputación e Concello do Porriño realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor.
Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo goberno provincial se vexa reducido.
O presidente Luis López remarcou a importancia de levar a cabo proxectos transformadores que melloren a calidade de vida da veciñanza e sitúen o espazo público urbano da provincia nos estándares máis altos de calidade que promove a Unión Europea.