O Porriño | O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado do edil de Vías e Obras, Ramón Porto, e a arquitecta municipal, visitaron a zona onde se proxectan as primeiras intervencións.
Intervirase en seis viarios e as obras consistirán na renovación das beirarrúas das rúas Pinar, José Fernández López, Enrique Peinador, Doutor Paz Varela e Tranvía, que presentan un importante e crecente estado de deterioro.
Tamén se acometerán melloras nas das rúas Codesal e Cruceiro, onde se eliminarán os afundimentos existentes, e repararanse os bordos e baldosas rotos ou desprazados.
Planéase tamén ampliar beirarrúas en varios tramos para mellorar o tránsito de peóns, conservando as árbores existentes e plantando algúns exemplares novos, e intervir en puntos nos que se detectaron barreiras arquitectónicas que limitan a accesibilidade a persoas con mobilidade reducida.
A planificación do concello inclúe tamén a renovación do firme de varios destes viais.
En definitiva, trátase de adecuar, potenciar e acondicionar o que é un dos principais itinerarios peonís da vila. “Falamos dunha obra moi necesaria para o tránsito de peóns que ao mesmo tempo recuperará a estética dunha das zonas máis concorridas do Porriño”, explicou o alcalde.
“Estas rúas dan acceso ao Centro de Saúde, ao instituto, aos colexios e a moitos servizos que cada día usan os porriñeses, ademais que contar coa maior densidade de poboación do centro urbano. É unha das principais arterias do municipio e debe ser accesible, habitable e disfrutable”.
O rexedor concluíu explicando que se trata só do primeiro dos proxectos de obra encargados dentro do plan de mellora da accesibilidade do centro urbano.
“Somos conscientes de que non é o único punto do centro que presenta carencias neste sentido”, afirmou, “As necesidades que presenta Porriño son moitas e é necesario planificar as actuacións. Desa maneira poderemos dar resposta a todas elas”.