O Porriño | O Concello do Porriño, a través da Concellería de Sanidade e a OMIX, puxo en marcha un programa nas escolas para previr a adicción dixital e aos videoxogos na adolescencia.
Baixo o nome de “Xoga Limpo” preténdese acceder a toda a poboación diana: o alumnado de 1º da ESO dos concellos do Porriño e Mos. En total son 367 alumnos e alumnas os que participan, 10 aulas do Porriño e 5 aulas de Mos, con dúas sesións de traballo de dúas horas de duración cada unha.
A escola é un axente primario de socialización, e nela conflúen alumnos e alumnas, pais e nais, mestres e mestras… polo que supón un medio idóneo para a implantación dos programas preventivos e de promoción da saúde, neste caso mental e dixital.
Tal e como explicou a concelleira de Sanidade, Teresa Veloso, o programa apóiasae na investigación levada a cabo polo psicólogo británico Mark D. Griffiths, especialista no eido das adiccións conductuais. Nestas investigacións Griffiths aborda estas adiccións mergullándose na orixe ou motivación que leva á persoa a adicarlle un número elevado de horas aos videoxogos.
“É importante que sexan conscientes dos motivos que os levan a usar as novas tecnoloxías e do tempo que lles adican para poder xestionalo”, engadiu a edil, “E que teñan sempre moi presente que se ben son unha boa ferramenta, a ferramenta máis potente será sempre a súa mente, será á que lles axude a discernir o que queren e o que non”.
No mesmo sentido se manifestou o rexedor que lles lembrou que “non se pretende penalizar a tecnoloxía, senón que aprendan a usala como queren sen que se descoide o seu desenvolvemento e que aprendan a canalizar o seu interés á vez que se lles mostran todas as posiblidades que o mundo dixital ofrece. En definitiva, o que queremos é fomentar o seu sentido crítico”. Este programa está impulsado pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, a través dunha subvención outorgada ao Concello do Porriño para o cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas.