O Porriño | A Asociación de Voluntarios de Protección Civil do Porriño conta xa cun aumento de 10.000 euros na subvención nominativa anual que recibe do Concello.
Tal e como explicou o concelleiro de Seguridade Cidadá, Abel Estévez, a agrupación de voluntarios contad ende hai máis de 10 anos cunha achega de 30.000 euros que non se modificou durante este tempo resultando insuficiente para manter o correcto funcionamento da mesma.
“Cremos que o Concello debe respaldar a estes voluntarios e voluntarias. Co incremento do custe do material de emerxencias e do combustible neste momento a axuda que recibían non cubre as súas necesidades”, explicou o edil que destacou que con este incremento “resolveríase a situación este ano á espera do novo orzamento do ano que vén. Na nosa proposta de Orzamento xa se incluía este aumento e así se contemplará tamén na do 23”. Trátase dunha medida de mellora para sufragar o material e medios que precisan para desenvolver as súas funcións nos operativos de prevención e auxilio en situación de emerxencia.
“O traballo dos voluntarios e voluntarias de Protección Civil é encomiable, son sen dúbida un valioso instrumento para a seguridade e protección do Porriño e aumentan a capacidade de resposta que temos antes unha situación de emerxencia”, concluíu o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Son vitais para á cidadanía do Porriño e é o noso deber facilitar o seu labor e dotalos dos medios que necesiten”.