O Porriño | O Concello do Porriño destinará 175.000 euros a axudas para as comunidades de usuarios de auga do municipio. A administración local suma 80.000 euros aos 95.000 consignados no orzamento prorrogado, incrementando nun 84,21% as subvencións para a mellora e mantemento das instalacións das traídas.
Esta nova convocatoria, a de maior contía proposta desde a administración local, suma unha nova liña destinada a inversións. Así o obxecto destas axudas comprenderá non só o mantemento e reparación das instalacións senón tamén a súa mellora. As beneficiarias poderán optar a financiación para a contratación de obras de reparación, substitución ou ampliación de redes de distribución, analíticas de control sanitario ou mantemento e conservación en captación, mantemento das instalacións ou sistemas de almacenamento e potabilización.
O concelleiro, Marcos Martínez, adiantou que “nas próximas semanas publicaranse as bases da convocatoria de axudas, á que poderán optar todas as comunidades de augas do Porriño que estean formalmente constituídas. En calquera caso, informaremos a todas as traídas para explicarlles máis polo miúdo o obxecto destas bases e facilitarlles a tramitación das solicitudes”.
“Con estas axudas queremos axudar ás traídas a aumentar a calidade do servizo que prestan á veciñanza, contribuír a mellorar tanto o sistema de abastecemento como a calidade da auga. Ademais, por suposto, de promover un uso máis eficiente dos recursos hídricos dos que dispoñemos, algo de vital importancia nun momento no que as alertas por seca son cada vez máis habituais”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.
Concello adianta proxecto de 100% de saneamento
O Concello do Porriño adianta a redacción de proxectos de obra de saneamento en todas as parroquias do termo municipal e no centro urbano, co obxectivo de axilizar ao máximo os trámites administrativos necesarios.
A tal fin, o Goberno Municipal aprobou este luns no pleno a súa proposta de inversión para a redacción dos proxectos e os traballos de topografía. O gasto total da execución das actuacións pendentes de proxectar, derivadas do Plan director do Consorcio de Augas do Louro ascende a 9.383.912 euros, e a estimación dos gastos para a redacción dos proxectos ascende a 404.709 euros.
“Contar cos proxectos listos, con todos os informes sectoriais das correspondentes administracións e, no caso de ser preciso, a cesión de terreos por parte de particulares é necesario para executar as obras. Todo este procedemento é algo que soe retrasar bastante os traballos”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Ademais ao dispoñer dos proxectos e a documentación necesaria preparada podemos optar de maneira case inmediata ás diferentes subvencións ou axudas que se oferten”.
Trátase pois de dar unha resposta máis áxil e eficaz a este problema que arrastra O Porriño dende hai anos e que é, sen dúbida, unha das maiores necesidades que presentan as súas parroquias. “Traballamos para avanzar da maneira máis rápida e eficaz cara o saneamento integral do municipio”, concluíu o rexedor.
“Este foi sempre un dos nosos principais compromisos e o será ata que consigamos que todas as vivendas do Porriño estean conectadas á rede de saneamento”.
Cabe destacar que hai un ano o municipio tiña pendente de execución obras de saneamento por valor de 14 millóns de euros e na actualidade restan 11 millóns.