O Porriño | A Concellería de Vías e Obras, que dirixe Ramón Porto, vén de sacar a licitación o proxecto de saneamento para o núcleo de Picouzo, na parroquia de Budiño.
“O proxecto contempla a conexión da zona coa rede xeral de abastecemento e saneamento para o cal se instalarán catro grandes colectores de 542, 404, 370 e 1.010 metros máis colectores de sección de tramos que suman preto de 2 quilómetros máis de tuberías”, explicou o concelleiro Ramón Porto.
“Esta é unha actuación importante, xa que permitirá conectar á rede 29 vivendas e o colexio de Budiño, o que supón que beneficiará máis dun centenar de veciños e veciñas”, explicou o alcalde Alejandro Lorenzo, “Pero non é a única. No Porriño gran parte da veciñanza non dispón aínda de conexión á rede de saneamento pese a ter dereito a este servizo. Por iso elaboramos unha planificación global para poder avanzar dun xeito máis eficaz cara a execución total da rede. Reafirmo o meu compromiso, é unha cuestión prioritaria”.
A obra conta cun orxamento base de 347.953,20 euros. O prazo para a presentación de ofertas está aberto e o prazo o 21 de novembro e conta cun prazo de execución de tres meses desde a súa adxudicación.