O Porriño | O Concello do Porriño acomete a construción dunha rotonda no polígono industrial de A Granxa, nun dos cruces de alta densidade de tráfico. Concretamente é na rúa Gándaras de Prado, fronte a Citic Censa, un lugar que presentaba un importante risco para a seguridade vial.
“Esta nova infraestrutura, permitirá regular o tráfico na zona e mellorar a seguridade viaria, algo que dende a Entidade Urbanística de Conservación de A Granxa demandábase hai anos”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Existe un proxecto de obra, cuxo importe supera os 20.000 euros, pero dada a urxencia da actuación o Concello acordou executala con medios propios”.
Esta é unha das actuacións previstas nos polígonos industriais do Porriño en materia de tráfico e seguridade viaria. “Existen outros puntos do viario que requiren de intervencións que xa están proxectadas”, continuou o rexedor, “Como é o caso do cruce do CIE A Granxa, que xa está proxectada e executarase nos próximos meses”.
Ademais, o Concello do Porriño tramita xa o expediente para os traballos de sinalización horizontal e vertical dos viais dos polígonos industriais do municipio, nos que a falta de repintado de marcas e reposición de sinalización está a xerar graves problemas de seguridade e un importante risco de accidentes.
“O proxecto para a sinalización e repintado, que abrangue a totalidade do municipio, inclúe todos os viais dos polígonos industriais do Porriño, ademais dos accesos aos da Granxa e as Gándaras”, concluíu o alcalde, “Falamos dunha inversión de máis de 100.000 euros que é urxente e esencial para garantir a seguridade de vehículos e peóns”.
Cabe destacar que dende o Concello do Porriño estase a priorizar a mellora e mantemento dos polígonos industriais, tanto no tocante ás vías e obras como no que respecta á limpeza. “Hai actuacións que son de suma urxencia e levaban anos sen acometerse, algo que non pode permitirse un municipio co potencial industrial como o que ten O Porriño”, concluíu Lorenzo, “Hai moito que facer logo de tantos anos de abandono e falta de mantemento, pero traballamos sen descanso para levar a cabo unha xestión á altura do no noso tecido produtivo e do moito que aporta ao municipio”.