O Porriño modifica o PXOM para acabar con 30 anos de feísmo urbanístico

Coa reordenación do edificio de seis plantas na Praza Central

O Porriño | O goberno municipal do Porriño aprobou hoxe a modificación puntual do PXOM que permitirá resolver un grave problema de feísmo urbanístico que levaba máis de 30 anos enquistado no centro da vila. A medida, afecta ao edificio lóbrego de seis plantas da Praza Central, unha das zonas máis neurálxicas do centro urbano, e enmárcase no ámbito das rúas Estación e Peña, no corazón da vila.

Desde a aprobación do PXOM, a realidade do conxunto de edificios na rúa Estación non foi contemplada adecuadamente, o que deu lugar a un grave estado de deterioro e abandono nunha localización crave da cidade. A mazá na que se sitúa este edificio é a única no centro urbano cun espazo interior aberto, non edificable en planta baixa, e na que as aliñacións interiores estaban mal definidas, o que impedía que o espazo puidese ser considerado un patio de mazá ou un espazo libre.

A modificación puntual do PXOM, aprobada hoxe polo goberno municipal, introduce axustes nos parámetros de ocupación en planta baixa, substituíndo as aliñacións interiores por novas delimitacións edificables, resolvendo o problema que mantiña paralizada a construción. Esta solución non afectará as determinacións fundamentais do PXOM, mantendo as aliñacións exteriores, a edificabilidade e os aproveitamentos urbanísticos contemplados no plan orixinal.

O alcalde do Porriño destacou que a solución proposta non só resolve o problema de feísmo urbanístico, senón que tamén aborda cuestións de seguridade e mellora a funcionalidade da zona: “A prioridade é acabar con este problema de feísmo co que estivemos convivindo durante anos. Ademais, esta modificación permitirá dispoñer de máis vivendas nunha localización privilexiada, mellorando a calidade de vida dos veciños e a dinámica urbana do centro do Porriño”. O rexedor incidiu en que a xestión do goberno municipal “non se limita a esta edificación, senón que ese está a traballar para resolver esta problemática noutras construcións do municipio”.

Ademais de mellorar a estética e a seguridade, a nova ordenación permitirá reactivar unha área que estaba desvalorizada, contribuíndo ao crecemento sostible do municipio. A medida foi aprobada en pleno co voto a favor do equipo de goberno e o voto en contra dos grupos da oposición.

30.000€ de apoio a ACEESCA
O Concello do Porriño materializa o seu compromiso coa inclusión social ao duplicar o apoio económico a ACEESCA, alcanzando un total de 30.000 euros neste ano. Este respaldo, o maior que se prestou a esta entidade social, formalízase a través de dous convenios de colaboración que reforzan a atención integral que ofrece a entidade nas súas distintas áreas: atención temperá, educación, centro de día, talleres ocupacionais e fomento do emprego.

A administración local mantén a súa achega de 9.800 euros a ACEESCA e duplica o investimento no seu programa de emprego LUME, que agora ascende a 20.000 euros. Este esforzo económico destínase a apoiar as diversas actividades que realiza a asociación, cuxo traballo é fundamental para a integración e o desenvolvemento de persoas con discapacidade intelectual no Porriño e na contorna.

A colaboración do Concello con ACEESCA vai máis aló das axudas económicas. O concello implicouse activamente en proxectos como a Cafetería Lume, un innovador programa de formación dual ao que contribuíu coa cesión de instalacións, así como no centro de FP Dual e na inclusión de ACEESCA nas actividades das áreas de Política Social e Benestar Social, así como nas educativas. Ademais, brindouse respaldo á construción da nova residencia inclusiva que ampliará as oportunidades de atención e apoio ás persoas con discapacidade intelectual.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, puxo en valor o labor diario de ACEESCA, subliñando o seu compromiso coa inclusión e o benestar social. “O traballo que realizan é inconmesurable, loitan desde hai décadas por un Porriño máis inclusivo e empático. Cambian moitas vidas e cámbianas a mellor, e iso é algo que o Concello sempre ten que respaldar”.

Cunha traxectoria de máis de 40 anos, ACEESCA consolidouse como un referente na inserción laboral e social de persoas con discapacidade no Porriño, ofrecendo programas e servizos que promoven a súa autonomía e desenvolvemento persoal. A súa marca de emprego, Aceesca Emprego, naceu no ano 2006 co seu centro especial de emprego, para xerar oportunidades laborais ás persoas con discapacidade intelectual, ante a dificultade que encontran para conseguir postos de traballo na empresa ordinaria. Comezou cunha actividade de xardinería e a día de hoxe coa imaxe renovada de LUME aglutina a 63 traballadores. Prestando servizos de deseño e mantemento de xaardíns, producción de plantas ou limpeza, ademais da formación profesional en xardinería, limpeza, hostalería ou administración.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.