O Porriño modificará o PXOM para adaptar a Avenida Domingo Bueno

Entre os número 24 e 60

O Porriño | O Pleno do Concello de O Porriño acordou hoxe, por maioría absoluta, con 17 votos a favor e 2 abstencións, a aprobación provisoria dunha modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). O obxectivo principal desta modificación é adaptar a aliñación establecida no planeamento vixente á realidade existente no tramo comprendido entre os números 24 e 60 da Avenida Domingo Bueno, unha demanda histórica que por fin dá un paso significativo cara á súa resolución.

O PXOM establece unha distancia de 16,50 metros ao eixo do vial fronte ao que se sitúan, ao mesmo tempo que delimita un fondo edificable de 11 metros seguindo a liña da edificación existente. Isto xera unha contradición incompatible que a presente modificación busca resolver, fixando a aliñación na liña da edificación consolidada existente.

O alcalde do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, cualificou a aprobación como un feito histórico para o municipio. “Hoxe avanzamos na resposta a unha necesidade urbanística que levaba máis dunha década pendente. Esta modificación permitirá resolver as incoherencias entre o planeamento e a realidade consolidada, asegurando a orde e a seguridade xurídica para os veciños e veciñas desta zona”, sinalou o rexedor.

Contexto histórico
A solicitude de modificación puntual remóntase ao ano 2009, cando se iniciou o expediente. Desde aquel momento, diversos informes técnicos e xurídicos determinaron a necesidade de modificar a aliñación para evitar situacións de fóra de ordenación e asegurar que a planificación se axustase á realidade urbana.

O 11 de outubro de 2010, o Pleno da Corporación aprobou inicialmente a modificación puntual do PXOM. Sen embargo, a pesar deste primeiro paso, a tramitación quedou paralizada durante varios anos, sen que se rexistraran avances significativos. A arquitecta municipal destacou en varias ocasións que a aliñación proposta no PXOM non se axusta á liña de edificación existente nos edificios consolidados, sendo imprescindible completar a liña edificada actual

Xustificación normativa e informe favorable da Secretaría Municipal
Os informes técnicos municipais avalan que a modificación puntual do PXOM está plenamente xustificada e cumpre coa normativa vixente. En concreto, axústase ás disposicións da Lei 2/2016 do Solo de Galicia e da Lei 9/2002 de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, seguindo o réxime de transitoriedade estipulado na Disposición Transitoria 2ª, 3º da Lei 2/2016.

O procedemento seguido ata o momento cumpriu cos trámites previstos na normativa, incluíndo a presentación do documento inicial estratéxico á Consellería de Medio Ambiente, a non necesidade de avaliación ambiental estratéxica, a aprobación inicial da modificación polo Pleno Corporativo en outubro de 2010 e a realización do trámite de exposición pública.

Resolución de problemas urbanísticos históricos
Esta modificación permitirá adaptar a aliñación marcada polo PXOM para os edificios comprendidos entre os números 24 e 60, consolidando a liña de edificación existente e evitando situacións de “fóra de ordenación”. A situación actual limita as actuacións nos inmobles a obras de mera conservación, dificultando a súa rehabilitación e funcionalidade.

Entre os edificios afectados, destaca un caso de paralización histórica que representa un claro exemplo da urxencia desta modificación. A situación desta edificación non só afecta á seguridade e salubridade, senón tamén á estética e funcionalidade do entorno urbano. A súa inclusión na modificación permitirá resolver os problemas asociados e revitalizar o patrimonio edificado do Porriño, en liña coas directrices urbanísticas e sociais do municipio. “O noso compromiso é claro: avanzar na eliminación de todas as disfuncións urbanísticas existentes e promover un entorno máis harmonioso, funcional e seguro para a cidadanía do Porriño”, subliñou Lorenzo.

Próximos pasos
Os próximos pasos no proceso de modificación puntual do PXOM inclúen a remisión do expediente á Xunta de Galicia, onde se tramitará a súa aprobación definitiva. Este trámite é fundamental para que a modificación se faga efectiva e permita mellorar a ordenación urbanística da zona afectada.

A concelleira de Urbanismo, Antía Carrera, manifestou a importancia desta modificación para o desenvolvemento do municipio, salientando que “como Concello, aceleraremos os trámites necesarios para garantir que esta modificación chegue a bo porto, consolidando a revitalización urbana e mellorando a calidade de vida da veciñanza”. Ademais, afirmou que o compromiso do Concello é seguir traballando para que esta transformación urbanística se faga realidade no menor tempo posible.

175.000€ para as traídas de augas
O Concello do Porriño vén de conceder 175.000 euros en axudas ás comunidades de augas do municipio, destinadas a reforzar o control sanitario, optimizar o mantemento das instalacións e mellorar a rede de distribución. Así o anunciou hoxe o alcalde, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, quen destacou que “estas axudas buscan apoiar ás traídas veciñais, fundamentais para garantir que a auga chegue en óptimas condicións a todas as parroquias do termo municipal”.

As subvencións, que corresponden á resolución da convocatoria de axudas para o ano 2024, distribúense en dúas liñas principais, cunha achega máxima de 8.000 euros por comunidade para calquera das liñas subvencionables. No caso de concorrer ás dúas liñas, o límite total pode chegar ata 12.000 euros por entidade, sempre que non supere o 80% do custo total do proxecto presentado.

A primeira liña, centrada no mantemento, inclúe axudas para reparacións, substitución de redes de distribución de ata 50 metros e gastos relacionados coas analíticas de control sanitario, conservación e mantemento de captacións, sistemas de almacenamento e potabilización. A segunda liña, destinada a investimentos, da cobertura a actuacións máis amplas, como a substitución de redes de distribución de máis de 50 metros e outras melloras estruturais nas instalacións.

O Concello outorgou as axudas a todas as comunidades que completaron o expediente. Entre as comunidades beneficiadas atópanse as Comunidade de augas de Cruz, Vitureira, Casal-Chan-Orbelle, Rozadas-Eiris, Cans, Contrasto, Bouza, San Jorge de Mosende, Covelo, Atios, Carracido, Chenlo, Torneiros, Mosteiro, O Cerquido, Vaquería, A Devesa, Centeáns e A Graña. Esta medida reflicte o compromiso do goberno local por chegar a todos os veciños e veciñas, especialmente nas parroquias, onde o apoio ás traídas veciñais é clave para garantir un servizo básico esencial.

O concelleiro de Parroquias, Marcos Martínez Campos subliñou que estas subvencións representan un paso importante para garantir a calidade da auga e o benestar da veciñanza: “É fundamental apoiar ás traídas para que poidan prestar o mellor servizo posible aos nosos veciños. Estes investimentos non só melloran a calidade da auga, senón que aseguran un abastecemento seguro e sostible”.

Ademais, Lorenzo destacou que estas liñas de axuda manteranse este ano e tamén nos vindeiros, garantindo así o apoio continuo ás comunidades de augas. “Seguiremos apostando por estas convocatorias de axuda nos próximos anos, para que ningunha traída veciñal quede atrás e o apoio chegue ao maior número posible de comunidades”, afirmou o rexedor.

O Concello do Porriño, a través destas subvencións, reforza o seu compromiso co servizo básico de abastecemento de auga, promovendo un uso eficiente dos recursos dispoñibles e traballando por satisfacer as necesidades da veciñanza en todas as parroquias.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.