O Porriño | O alumnado de 1º de Bacharelato dos IES do Porriño, Pino Manso e Ribeira do Louro, participou hoxe no “Escape Room” organizado pola concellería de Igualdade, que dirixe Carolina González, en colaboración co CIM.
Unha “escapada da desigualdade” enmarcada na programación do Concello con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller que se celebrou o pasado 8M.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, visitou hoxe o IES Pino Manso para compartir coas alumnas e alumnos a experiencia, resolvendo misterios e xogos arredor da biografía de varias mulleres relevantes da historia. “A través desta actividade preténdese concienciar ao alumnado da importancia da presenza das mulleres ao longo da historia na procura do recoñecemento dos seus dereitos para a consecución dunha sociedade igualitaria”, explicou Carolina González.
Sobre esta concienciación incidiu o rexedor, salientando a necesidade “de continuar traballando a igualdade de maneira transversal dende todas as concellerías, para impregnar de respecto e tolerancia cada unha das iniciativas do Concello e contribuír á creación dunha sociedade libre e igualitaria”.