O Porriño | Como parte das actividades conmemorativas do “Ano Palacios”, con motivo da celebración do centenario da Casa Consistorial e no 150 aniversario do nacemento do arquitecto, o Concello do Porriño organiza un concurso de pintura rápida “Pintando a Palacios” que terá lugar o vindeiro 15 de xuño.
Os participantes deberán pintar in situ algunha das obras que hai na vila do arquitecto porriñés, como o Templete de San Luis, a fonte do Cristo, a Botica Nova ou a Casa Consistorial. Súmase tamén a casa onde naceu Palacios. A técnica de pintura empregada poderá ser óleo, acuarela, carbón, lapis, etc… e o formato non poderá exceder de 100×100 cm.
Poderán participar todas as persoas nadas a partires do 2021 que se anoten no Concello do Porriño ata os luns 10 de xuño ás 14 horas, entregando o formulario de inscrición debidamente cumplimentado, ben sexa vía online ou presencial. A inscrición é totalmente gratuita e os artistas participantes deberán achegar o material necesario para a realización das súas obras.
O Concello premiará con 3.000 euros aos gañadores na categoría de “adultos”, os nados no 2006 e con anterioridade: 1.500 euros para o primeiro premio, e 1.000 e 500 euros para o segundo e terceiro premios respectivamente. Pola súa banda, haberá lotes de material escolar valorados en 75, 60 e 50 euros para os tres gañadores das categorías de “mocidade”, os nados en 207-2010, “alevín”, nados en 2011-2016, e “infantil”, nados en 2017-2021.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, animan a toda a cidadanía a participar nesta actividade artística para toda a familia, coa que o Concello pretende darlle toda a visibilidade posible á obra de Antonio Palacios, sobre todo, entre a mocidade.
As bases do concurso pódense consultar na web municipal.