O Porriño prepara o Entroido “máis multitudinario” da súa historia

Con 27 comparsas integradas por 2.155 persoas

O Porriño | Un total de 27 comparsas participarán no Entroido do Porriño este ano. O Concello vén de pechar o prazo de inscrición, contabilizando o número máis alto ata o de agora rexistrado. Serán 2.155 as persoas que integren tales comparsas, pero serán máis aínda os compoñentes da comitiva dos desfiles que encherán de cor e moita ledicia as rúas da vila, pois a eles hai que sumar dúas charangas e unha batucada.

Dende o goberno local, o alcalde Alejandro Lorenzo sinala que, “de seguro, este será o entroido máis multitudinario da historia do noso Concello e da comarca. Xa non só polas máis de 2.000 persoas integrantes das 27 comparsas, senón polas miles que estas atraerán, veciños do Porriño e doutros concellos da comarca e da provincia que se achegarán á nosa vila para desfrutar dos desfiles do sábado e do martes de Entroido”.

Unha programación festiva que vai máis alá e que dende a Concellería de Cultura, que dirixe Bienvenido Estévez, darán a coñecer “e na que se incluirán grandes sorpresas musicais, ademais das xa tradicionais actividades e eventos propios desta festa, como pode ser o Xogo da Ola, o pregón ou obradoiros dirixidos sobre todo á cativada”, explica o concelleiro.

Así é todo, nos vindeiros días o goberno local presentará a programación detallada para cada unha das xornadas festivas do Entroido 2025, que rematará o mércores de cinsa co tradicional enterro da sardiña. Precisamente, segue aberto o prazo, ata este xoves 20 de febreiro, para participar na elaboración do testamento da sardiña.

Este será redactado polas comparsas, cada unha redactará entre 10 e 15 liñas, podendo participar tamén a veciñanza que así o desexe. O texto deberá presentarse no primeiro andar do Centro Cultural Municipal nun sobre pechado e dirixido á Concellería de Festas, en horario de 09.00 a 14.00. Unha vez cerrado o prazo o comité de observación elaborará o documento final.

Premios á participación
E continuando con cifras récord, tamén este ano incrementouse a cantidade máxima destinada aos premios outorgados á participación. Nun primeiro momento ese aumento foi do 20% respecto do 2024, pero vista a alta inscrición e demanda, dende o goberno local acordouse elevar máis aínda a partida, “facendo un importante esforzo para que ningunha agrupación que quixese participar quedase fóra, recibindo así todas unha recompensa pola súa participación”.

O importe de cada premio determinarase segundo o número de compoñentes da comparsa e que será de 300 euros para aquelas de 12 a 19 integrantes, 500 euros para as compostas por entre 20 e 39 persoas, 800 euros para as de 40 a 55 compoñentes, 1.000 euros para as de 56 a 85 integrantes e para aquelas de 86 compoñentes en adiante a contía entregada será de 1.200 euros.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.