O Porriño presenta a súa Axenda Urbana e Rural

Con cinco eixos estratéxicos para un desenvolvemento integrado, sostible e inclusivo

O Porriño | Logo dunha detallada diagnose levada a cabo nos últimos meses, que involucrou a responsables políticos, ao equipo técnico do Concello e a representantes das entidades sociais, económicas e ambientais do territorio, O Porriño presenta a súa Axenda Urbana e Rural.

Trátase dun documento que se desenvolveu seguindo a metodoloxía da AU española e que pretende dar resposta aos retos e problemáticas identificados no municipio, co obxectivo de lograr un Porriño máis inclusivo, integrado, resiliente e sostible.

No acto de presentación participaron o alcalde, Alejandro Lorenzo, a Directora Xeral de Urbanismo, Mª Encarnación Rivas, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e Adolfo Neira e Antía Martínez, técnicos de EOSA, a empresa encargada da redacción do documento. Estiveron presentes concelleiros e concelleiras da corporación municipal e representantes dos axentes sociais e económicos que participaron na súa elaboración.
Tal e como explicaron os técnicos, a Axenda Urbana e Rural do Porriño articúlase ao redor de cinco eixos estratéxicos, que á súa vez integran 19 liñas de actuación, 47 medidas e 132 proxectos ou accións piloto, a implementar no curto, medio e longo prazo.

Entre as principais medidas e propostas inclúense a ampliación do espazo público no centro urbano do Porriño; a rexeneración urbana integral no núcleo urbano de Torneiros; ou a mellora ecolóxica e integración na trama urbana dos leitos fluviais do Porriño, así como a creación de núcleos de centralidade nos principais núcleos rurais; a consolidación da rede de saneamento e abastecemento do municipio, ou a posta en marcha do Foro Empresarial.

“A presentación desta Axenda Urbana marca un fito importante para O Porriño, xa que conforma unha folla de ruta para continuar impulsando a súa transformación e reflicte seu o compromiso con desenvolvemento sostible e unha xestión integral que considera tanto as necesidades dos núcleos urbanos como da contorna rural”, explicou Adolfo Neira.

O técnico destacou que “o Concello do Porriño ten un montón de proxectos xa feitos, algo moi importante e moi dificil de atopar, moitas destas liñas que deseñamos xa dispoñen de actuacións moi concretas, con proxectos ou anteproxectos feitos”, en definitiva, “esta Axenda non é unha carta aos Reis Magos, conta con proxectos concretos e cunha planificación exhaustiva que facilitará o acceso á vindeira convocatoria de Fondos Feder e a financiación por parte de outras administracións”. Apelou á que o documento conte “coa implicación e apoio de todos os axentes implicados, xa que non é un plan dun equipo de Goberno, é o plan dun pobo”.

Pola súa banda, a Directora Xeral de Urbanismo, quixo incidir en dúas ideas. A primeira delas é que “o futuro dun país non se improvisa”. “É moi importante planificar o futuro, queremos estar preparados non tanto pensando en nós como nas vindeiras xeracións. Este territorio que nós herdamos debemos traspasalo aos que veñen en mellor estado e de maneira máis sutentable”, explicou.

“Nese tentar de planificar o futuro temos un plan, Galicia ten un plan e O Porriño ten un plan. Ata o de agora estaba definido de maneira xeral polas Directrices de Ordenación do Territorio, e esta nova figura das Axendas Urbanas é o instrumento aquelado para actualizala”. E a segunda idea que quixo trasladar é a necesidade de establecer un “urbanismo co-responsable, aquel en que todos e cada un dos axentes que participamos facemos o que temos que facer. Non fan política so os políticos, política facemos todos”.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou “a responsabilidade que temos todos e todas de debuxar para O Porriño ese horizonte máis amable, máis sostible e máis humano”. O rexedor incidiu na importancia de “non actuar con improvisación, senón en base a unha planificación responsable e consensuada. Só chegando cos deberes feitos podemos mellorar a calidade de vida e o desenvolvemento do noso pobo. Por iso nos últimos dous anos invertimos máis de 1 M de euros na redacción de proxectos e puxemos en marcha esta folla de ruta”. Lorenzo destacou que “todos eles forman parte desta planificación a medio e curto prazo que dará forma ao Porriño que queremos”. O alcalde agradeceu a enorme implicación da veciñanza na elaboración desta Axenda Urbana, a través das enquisas realizadas e tamén das asociacións que formaron parte das mesas.

Toda a información pode consultarse na web https://axendaurbanaoporrino.com/ , onde se colgará para a súa consulta e descarga o documento íntegro.