O Porriño | A Secretaria Xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, acompañou hoxe ao alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e á concelleira de Igualdade, Carolina González, na presentación do novo Punto Violeta do Concello do Porriño.
O concello conta dende hai máis dun ano con este recurso nos seus festivais, concertos e actividades, unha área segura na que se acolle e acompaña de maneira inmediata ás mulleres que sexan vítimas de agresión sexual, ademais de levar a cabo unha función informativa e de sensibilización.
Ata o de agora, de maneira provisional, estaba instalado baixo unha carpa morada, un elemento pouco privado á hora de denunciar unha agresión machista. Hai que ter en conta que se trata do primeiro lugar físico de contención para unha muller que acaba de sufrir un acoso, polo que se require dun espazo pechado e protexido que ofrezca seguridade e privacidade á vítima ante esta situación.
O novo Punto Violeta móbil, unha autocaravana con varios habitáculos, ofrece as condicións acaídas para unha atención inmediata e ademais dispón no mesmo espacio dunha oficina informativa e de denuncia.
A Secretaria Xeral de Igualdade quixo agradecer “ao alcalde e ao todo o equipo de goberno que impulsen iniciativas como a que hoxe presentamos, unha autocaravana Punto Violeta para dar acubillo ás vítimas dunha agresión sexual . Despois de velo en primeira persoa pode ser un proxecto piloto que recollan outros concellos” e apuntou que “para traballar en contra das agresións sexuais temos que facelo dende o conxunto da sociedade, dende todas as administracións e entidades”.
Pola súa banda, Carolina González, engadiu que, como ata o de agora, estará presente en todos os actos multitudinarios “co fin de converterse nun referente para as mulleres, un lugar seguro ao que acudir en caso de sentirse coaccionadas, de ser agredidas ou simplemente para aclarar dúbidas. Persoal cualificado as atenderá e dará asesoramento xurídico”.
O alcalde concluíu incidindo na importancia de dar a coñecer este recurso “para que todas as mulleres o identifiquen como un lugar seguro ao que acudir, no que se garantiza a confidencialidade e o anonimato. Queremos que todos e todas poidamos disfrutar do noso pobo e das nosas festas sen medo, dende o respecto e a responsabilidade”.
Lorenzo lembrou que o Punto Violeta é un dos recursos Viogen cos que conta o Concello do Porriño para seguir traballando na prevención da violencia contra as mulleres e na intervención directa cando estamos fronte a unha posible agresión, como son o Centro de Información á Muller (CIM) e a adhesión ao servizo de atención e protección para víctimas da violencia de xénero (Atenpro), un servizo telefónico de atención e protección para víctimas. Por outra banda o corpo da Policía Local do Porriño está adherido ao sistema de seguemento integral dos casos de violencia de xénero asinado mediante convenio co Ministerio do Interior.