O Porriño | Un dos grandes iconos patrimoniais do Porriño é, sen dúbida, o Templete de San Luis, emprazado dende o ano 1970 no “Parque Infantil”.
Co dobre obxectivo de poñer en valor este monumento e facer máis atractivo e funcional o espazo que o acolle, o Concello do Porriño proxectou o acondicionamento e humanización do parque, antigo “Campo da Feira”, e da súa contorna, dende a Avda. Domingo Bueno ata a rúa Parque Infantil.
Este espazo verde, situado en pleno centro urbano, coñécese habitualmente como “Parque Infantil” pero foi durante moitos anos unha gran carballeira onde se realizaban as feiras semanais. Ademais, como xa dixemos, nel emprázase un dos maiores tesouros patrimoniais da vila: o Templete de San Luis, antiga entrada ao Metro de Madrid deseñada por Antonio Palacios.
“Na actualidade perdeu por completo a súa esencia e non é funcional, nin a zona de lecer nin o parque infantil que non dispón dos elementos en condicións para o disfrute dos nenos e nenas”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “O que queremos é recuperar a antiga esencia da carballeira e campo da feira e facer deste espazo un lugar de encontro, mellorando a mobilidade peonil, contectandoo co núcleo urbano, o camiño de Santiago e o cemiterio municipal, aumentando a zona verde e, por suposto, poñendo en valor o Templete de San Luis para fomentar a recuperación histórica e patrimonio inmaterial do lugar”.
Para facelo posible, o Concello do Porriño traballa xa nas posibles vías de financiación. “A proposta de orzamento deste goberno municipal está rematada e pendente tan só de ser informada polos técnicos”, continuou o rexedor, “Lamentablemente, ata que se aprobe traballamos cun orzamento prorrogado do ano 2018 que non responde ás necesidades actuáis do concello nin nos permite facer inversións, polo que dependemos das restantes administracións para financiar os nosos proxectos. Pero iso, non nos vai frear”.
Posta en valor do Templete de San Luis
Co compromiso da Xunta de Galicia para a rehabilitación do Templete de San Luis, a proposta xira en torno á súa posta en valor, respectando a súa ubicación á vez que se mellora a súa conexión e visibilidade.
Dispoñerase un espazo de graderío vexetal en torno a el que lle dará un novo uso como telón de fondo de pequenos actos e conferencias e tamén como porta de acceso ao cemiterio. Ademais, comunicarase co camiño de Santiago e crearanse espazos de estar, descanso, reunión, convivencia e máis zonas de sombra.
Área de xogo infantil con gran vinculación á auga
Un dos grandes obxectivos do executivo local é facer máis atractivo e útil este espazo, sobre todo para os máis pequenos. Por iso, e á vista de que a zona de xogo actualmente non cumpre as súas funcións, dispoñeranse novos elementos xogo para todas as idades na zona central. Proponse tamén a substitución da pista deportiva por uns chorros de auga que se integrarán na praza central e completarase a oferta lúdica con pequenas zonas de xogo que se situarán nas lomas vexetais do parque.
Cabe destacar, que o Concello elaborou un plan de mellora dos 38 parques infantís do municipio que inclúe a renovación e mellora de elementos e solos para que os nenos e nenas do Porriño dispoñan de espazos aptos para xogar con seguridade.
Humanización
Un dos principais obxectivos deste proxecto é o de conectar o parque co resto do espazo urbano para o que se conectará mediante aceras e pasos de cebra empedrados directamente coa zona peonil de San Benito e se humanizará a a rúa Parque Infantnil. Os límites do parque borraranse e xerarase un espazo do que se poderán espazos de estar, vinculados aos locais de hostalería.