O Porriño | Os delegados territoriais da Xunta en Vigo e Pontevedra, Marta Fernández-Tapias e Luis López, anunciaron este mediodía que o Goberno galego executará ou activará investimentos por 15,7 millóns de euros no que resta do presente ano no Concello do Porriño, segundo se analizou na primeira sesión conxunta da Comisión Provincial de ambas delegacións territoriais, celebrada na casa consistorial deste municipio da Louriña.
“O Porriño é un dos concellos máis importantes de Galicia, cun gran valor estratéxico, moito peso empresarial e unha dinámica ascendente, xa que foi o último en incorporarse ao destacado grupo dos 23 concellos galegos de máis de 20.000 habitantes”.
·Ademais dinamiza social e economicamente a unha ampla contorna, polo que dende a Xunta apostamos de xeito global polas súas necesidades cuns fortes investimentos, que son perfectamente visibles, que proceden de todas as consellerías con moita intensidade e que amosan o absoluto compromiso do Goberno galego para colaborar co seu desenvolvemento”, manifestou Marta Fernández-Tapias.
Os delegados territoriais, acompañados polas dúas secretarias territoriais e pola ducia de xefes territoriais das distintas consellerías que conforman este órgano, foron recibidos no Concello polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e por outros representantes municipais e agradeceron a acollida e a cesión deste espazo para celebrar esta comisión ao abeiro do seu percorrido itinerante por toda a provincia.
Cómpre sinalar que, no marco da política de descentralización e cercanía da Xunta por todo o territorio, estas xuntanzas de traballo xa se celebraron anteriormente en municipios como Covelo, Oia, O Grove, Campo Lameiro, Lalín, Marín, Pontecesures ou Rodeiro e chegan por vez primeira á bisbarra da Louriña.
Na reunión fíxose un estudo de situación das principais cuestións da Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra, abordando a situación sanitaria da pandemia da covid-19 e a inoculación da cuarta dose da vacina, o axeitado inicio de curso en todas as etapas educativas, a parte final do Xacobeo, -ao que lle restan 82 días-, a fase final da época de alto risco de lumes forestais ou as distintas liñas de axudas para incentivar o consumo e axudar ás familias durante o outono, como o Bono Turístico 2022, o Bono Activa Comercio ou o Bono Cultura, entre moitas outras cuestións.
Así mesmo, e tal e como se fai en cada municipio que acolle a comisión, analizáronse polo miúdo os investimentos da Xunta, neste caso os 15,7 millóns de euros para o Concello do Porriño, co obxectivo de trasladar diversos aspectos ás distintas consellerías para que a súa xestión sexa o máis áxil posible.
As actuacións máis destacadas para o que resta de ano enmárcanse, principalmente, en cuestións sanitarias, educativas, empresariais e de infraestruturas, xa que figuran a ampliación, xa en marcha, do centro de saúde ata os 3.000 m2 (4,5 millóns de euros); o vindeiro Centro de Fabricación Avanzada de Automoción (4,3 millóns de euros); a rehabilitación integral do IES Pino Manso e outras melloras nos CEIP Xosé Fernández e da Ribeira, así como a implantación do Ciclo Medio de Pedra Natural no IES Ribeira do Louro, que suman 2,1 millóns de euros; ou as tres sendas para mellorar a seguridade viaria nas estradas autonómicas PO-407, PO-510 e PO-329.
Deste xeito, xa están redactados os proxectos, para a súa próxima contratación, dos itinerarios peonís entre Budiño e o límite con Salceda (1 millón de euros), da vía cara ao municipio de Mos (200.000 euros) e da zona urbana da PO-329 (1,2 millóns de euros).
Tamén figuran o recentemente iniciado obradoiro de emprego, dotado con 504.000 euros, os 1,55 millóns de euros en investimentos sociais para o Servizo de Axuda no Fogar, as prazas de atención ao Alzhéimer, o Risga ou o Plan Concertado, aos que haberá que engadir o importe pola gratuidade de 396 prazas nas seis escolas infantís do municipio, as 40 prazas de atención a maiores ou a mellora de equipamentos na ducia de centros sociais do Porriño.
Finalmente, a Xunta destinará máis de 310.000 á mellora de camiños rurais a través do Plan Marco é á renovación de equipamentos e infraestruturas urbanas co Fondo de Cooperación Local, o Fondo de Compensación Ambiental ou a orde de infraestruturas de uso público.
Obras de restauración da Capela do Cristo
As obras de reconstrución da Capela do Cristo darán comezo nos próximos meses. O Concello do Porriño concedeu onte a licencia de obra á Diócese de Tui-Vigo para o comezo dos traballos de reparación da cuberta do templo antes de seis meses.
As obras que executará e financiará a Diócese Tui-Vigo contan coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e un orzamento de 71.165 euros. “É unha gran nova para O Porriño, algo moi demandado non só polo valor patrimonial e sentimental da Capela senón tamén pola perigosidade que implica o estado no que se atopa dende hai máis de dous anos”, afirmou o alcalde Alejandro Lorenzo.
“Tal e como se comprometeron dende a Diócese Tui-Vigo unha vez finalizaron as periciais pendentes no mes de xullo solicitáronse os pertinentes permisos para acometer a reforma. Tanto dende o Concello do Porriño como dende a Diócese axilizáronse os trámites para que as obras poidan iniciarse o antes posible”.
Lembramos que o edificio está danado dende o 16 de marzo de 2020, cando unha grúa pluma de grandes dimensións caíu sobre el destrozando a cuberta e parte do seu interior.
A Diócese de Tui-Vigo, propietaria do recinto relixioso, presentou unha reclamación contra as seis empresas implicadas no sinistro e as súas respectivas aseguradoras que está pendente de resolver.