O Porriño | Protección Civil do Porriño conta xa cun novo vehículo no seu parque móbil. O Concello do Porriño vén de adquirir, mediante un sistema de renting de 600 euros ao mes, un novo SUV para todo tipo de camiños que permitirá á agrupación de voluntarios mellorar a súa capacidade de resposta ante calquera emerxencia e a súa operatividade nas intervencións de prevención.
O novo 4×4 súmase aos dous vehículos dos que dispoñen (unha pick up e unha furgoneta).
A agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Porriño conta actualmente con máis de 30 efectivos, participando en máis de 2.300 operativos anuais. Estes inclúen a atención ás alertas do 112 en colaboración coa Policía Local e a Garda Civil, asistencia en accidentes de tráfico, incendios forestais, industriais e urbanos, accidentes laborais ou operativos de prevención en diferentes eventos.
O Alcalde Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Seguridade Cidadá, Abel Estévez, fixeron hoxe entrega do vehículo a representantes da agrupación. Os responsables municipais non deixaron pasar a ocasión de agradecer “enormemente o labor que desenvolven, moitas veces queda nun segundo plano pero son esenciais para dar unha resposta rápida e eficaz ás emerxencias e tamén para poder levar a cabo moitos dos eventos deportivos e culturais que se desenvolven no Porriño”.
Un agradecemento que se ve reflectido na aportación municipal que recibe, xa que ademais da disposición deste vehículo, este ano consolidouse no orzamento o incremento na achega anual, que ascende a 40.000 euros . A maiores, o Concello do Porriño está a estudar xa varias melloras nas instalacións de base.