O Porriño reforzará a competitividade dos polígonos de A Granxa e As Gándaras

Cun investimento de 300.000€ na modernización de infraestruturas e de seguridade viaria

O Porriño | O Concello do Porriño ven de solicitar unha subvención á Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia para levar a cabo dúas actuacións clave de mellora nas infraestruturas dos parques empresariais de A Granxa e As Gándaras. Esta iniciativa, cun orzamento total de preto de 300.000 euros, busca reforzar a competitividade das empresas locais e fomentar a creación de emprego na comarca.

O alcalde do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso visitou as futuras obras acompañado por David Sobral, Secretario Xeral da Federación Galega de Parques Empresariais, e Indalecio Cuevas, Presidente da Entidade Urbanística de Conservación de A Granxa. Durante a visita, analizáronse posibles melloras nas infraestruturas co obxectivo de optimizar a competitividade dos polígonos e afianzar o seu desenvolvemento futuro.

No marco deste proxecto, o Concello propón dúas intervencións concretas. A primeira, centrada na mellora das infraestruturas do parque empresarial de As Gándaras, contará cun investimento de 149.900 euros. Deste importe, 119.920 euros serán achegados pola Xunta de Galicia, mentres que os 29.980 euros restantes provirán de fondos municipais. As obras, cun prazo de execución estimado de tres meses, inclúen a renovación do firme, a ampliación da calzada, a aplicación de novas capas de rodadura, a execución de cunetas de seguridade e a actualización da sinalización horizontal e vertical. Esta actuación abranguerá unha lonxitude de 780 metros.

A segunda intervención estará centrada na mellora da seguridade viaria no polígono industrial de A Granxa. Con un orzamento de 149.723,28 euros, dos cales 119.794,62 euros procederán das axudas da Xunta e 29.948,66 euros de fondos propios, esta actuación contempla a construción de tres novas glorietas en puntos de maior intensidade de tráfico, co obxectivo de reducir a sinistralidade viaria derivada da ampliación do polígono. Ademais, tamén se levará a cabo a demolición e reposición de beirarrúas, a aplicación de novas capas de rodadura e a renovación da sinalización.

O alcalde subliñou que “a constante mellora da oferta de solo empresarial é esencial para atraer e consolidar empresas na nosa contorna. Estas accións permiten dotar aos nosos parques empresariais de infraestruturas modernas e eficaces, facilitando as condicións idóneas para o desenvolvemento da actividade industrial”.

Por outra banda, o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto Oya, resaltou que “con estas melloras non só se favorece a implantación de novas empresas, senón que tamén se incrementa a seguridade vial, optimizando a mobilidade dentro dos parques industriais”.

Estas actuacións son parte do compromiso do goberno local coa mellora da competitividade empresarial e a creación dun entorno máis favorable para o investimento. Boa proba disto foi a declaración de O Porriño como membro da Rede de Concellos Emprendedores de Galicia, un recoñecemento que reforza a súa posición como destino estratéxico industrial referente en toda Galicia.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.