O Porriño | Pedro Pereira, como alcalde accidental, asinou co coronel Simón Venzal, xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, e en presenza de Maica Larriba, subdelegada do Goberno na provincia, a renovación da adhesión do Concello do Porriño a o protocolo “Vioxén”. Trátase do programa de vixilancia e protección integral para as mulleres vítimas de violencia de xénero. O protocolo establece a colaboración entre a Policía Local do Porriño e as outras forzas e corpos de seguridade do Estado.
Antes da sinatura da renovación do protocolo, a subdelegada do Goberno informou de que os casos activos de vítimas de violencia de xénero baixo este sistema de vixilancia son 69 no partido xudicial do Porriño: 34 correspondentes a Mos, 24 a Porriño e 11 a Salceda.
Maica Larriba definiu que este modelo de colaboración entre administracións para protexer ás vítimas de violencia de xénero “é un bó exemplo de cogobernanza”. “Para o Goberno que represento, a loita contra a violencia de xénero é unha prioridade e quero transmitir a mensaxe a todas as mulleres de que non están soas”, dixo a subdelegada.
Pola súa banda, o alcalde accidental agradeceu “este eficaz modelo de cooperación no que debemos empregar todos os recursos necesarios e que nunca será suficiente mentres haxa unha muller vítima de violencia de xénero”, engadiu Pedro Pereira.
No acto, celebrado este mediodía no salón de plenos do concello porriñés, tamén participaron as concelleiras de Seguridade, Lourdes Moure e Igualdade, Cami Moreira; a xefa da unidade “Viogén” na provincia Manuela Vilaboy; mandos do cuartel da Garda Civil do Porriño e o xefe accidental da Policía Local.