O Porriño | O Concello do Porriño atópase na fase de selección de participantes para unha nova iniciativa de emprego e formación. Trátase dun Programa Integrado de Emprego dirixido a persoas menores de 30 anos desempregadas con baixa cualificación, mulleres desempregadas, persoas menores de 30 anos desempregadas cualificadas e parados de longa duración para o cal se convocan un total de 100 prazas.
Unha vez rematado o programa, en decembro de 2024, existe un compromiso de inserción laboral do 45% dos participantes, os cales ao longo de todo ano realizarán diversas accións destinadas todas elas a mellorar a súa formación e empregabilidade. “Dende o Concello poñemos en marcha unha nova ferramenta dirixida á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral”, subliña o alcalde Alejandro Lorenzo.
Unha vez seleccionadas as persoas participantes en formar parte do proxecto, comezarase coa realización de accións de información, orientación e asesoramento para a procura de emprego. Ditas accións teñen carácter transversal a todas as actuacións do programa e consisten nun seguimento personalizado de inserción adaptado e individualizado para cada unha das persoas desempregadas.
Por outra banda, tamén se impartirá formación, coa organización de diversos cursos. De xeito complementario coas accións anteriores, levarase a cabo técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para a busca de emprego, tanto por conta propia como allea. Tamén se desenvolverán talleres nos que adestren as habilidades sociolaborais e outros que funcionen como simulacións de entrevistas.
Outras das accións a executar dentro do PIE serán a de fomento da capacidade emprendedor, prospección empresarial e obradoiros sobre mobilidade laboral. Ademais, realizarase un casamento axeitado entre oferta e demanda, recollendo a oferta existente na contorna e seleccionando as persoas candidatas idóneas para cubrila.
Unha vez feita a formación teórica e práctica, complementarase coa realización de prácticas profesionais en empresas colaboradoras baixo a supervisión dun titor. Para a posta en marcha deste PIE, o Concello do Porriño conta cunha subvención por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade de 220.000 euros, que xunto cos 55.000 euros de aportación municipal, fai unha inversión total de 275.000 euros.