O Porriño | O Concello do Porriño albergará un dos 15 polos de emprendemento e apoio ao emprego postos en marcha pola Xunta de Galicia antes de que remate 2023.
Actualmente están operativos oito e o da capital da Louriña sería o segundo na provincia, que abriría as súas portas a partir de outubro, durante o último trimestre do ano.
Así o aseguraba esta mañá o secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, nunha visita á vila na que estivo acompañado polo alcalde, Alejandro Lorenzo e na que puido comprobar o avance das obras para a posta en marcha desta oficina situada no número 9 da rúa Ramiráns, no caso urbano porriñés.
O obxectivo desta rede é impulsar e consolidar proxectos de emprendemento que teñan unha vinculación coa contorna, e na que o usuario atopará acompañamento continuado, unha metodoloxía común validada e adaptada a cada proxecto e titorización con profesionais de primeiro nivel.
“É unha gran nova para Porriño poder contar un espazo que integre todas as ferramentas que existen na actualidade para apoiar as iniciativas emprendedoras, xa que estas son clave para fortalecer a economía local”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Apostar polo emprendemento é apostar polo futuro”.
A Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego está dinamizando o territorio a través da creación de emprego de calidade e do asentamento da poboación. Así, presta asesoramento individualizado ás persoas emprendedoras de Galicia en calquera fase que se atope o seu proxecto empresarial, de principio a fin. Nese senso, dos case 500 proxectos asesorados ata o de agora, máis de 400 atópanse activos.
O do Porriño será o Polo de emprendemento Pontevedra Leste e Sur, sumándose así ao de Silleda, Pontevedra Norte e Rías Baixas, cuxa área xeográfica de actuación son as comarcas do Deza, Caldas e O Salnés.
Nestes centros ofrécense, entre outros, servizos de información sobre oportunidades de emprendemento, asesoramento personalizado, espazos de traballo temporal e networking, captación de investimento e financiamento e orientación, asesoramento e recursos físicos. As persoas usuarias, ademais, poderán acceder a convocatorias anuais de axudas para a consolidación do seu investimento e a xeración de postos de traballo.