O Porriño | A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada polo alcalde, Alejandro Lorenzo, presentou a adhesión do Porriño á Rede de Concellos Emprendedor.
Foi nun acto que se desenvolveu na casa consistorial e que contou tamén coa presencia do secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández; a directora do IGAPE, Covadonga Toca, e unha nutrida representación do tecido empresarial do municipio.
O Porriño conta desde febreiro deste ano con esta distinción, sendo un dos 156 Concellos Emprendedores de Galicia, e un dos 25 que hai na provincia de Pontevedra.
Esta condición outorga preferencia á hora de optar a ordes de axuda da Xunta de Galicia que teñan que ver coa industria, o comercio ou o impulso ao emprego, entre outras. Se se trata de convocatorias de subvencións en réxime de concorrencia competitiva dirixidas a empresas, autónomos ou entidades sen ánimo de lucro asentadas nun espazo específico, que no baremo de puntuación, supoña entre o 5% e o 10% do total.
Por outra banda, con respecto dos compromisos que adquire O Porriño como Concello Emprendedor son, entre outros: resolver as licenzas de obra no prazo máximo de 30 días naturais, unha vez que se dispoña de toda a documentación e informes; establecer bonificación saos presos das parcelas de titularidade municipal; ofrecer ás empresas a posibilidade de acudir ao dereito de superficie; dar tramitación urxente aos procedementos relacionados coas iniciativas empresariais prioritarias; e aprobar bonificacións fiscais de ata o 95% en impostos municipais como sono IBI, o IAE e o ICIO.