Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo desde novembro de 2020, Jesús Vázquez Almuiña (Baiona, 1962) foi con anterioridade alcalde do Concello de Baiona (2004-2015) e Conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia (2015-2020) Nesta entrevista explícanos os proxectos para o futuro do Porto de Vigo, destacando a súa importancia socioeconómica e loxística, con case un 40% das exportacións en valor do tráfico marítimo de Galicia e movementos de mercadorías por valor de máis de 14.000 M€.
A Autoridade Portuaria investirá máis de 120 M€ ata 2026. Cales son os eixes prioritarios destes investimentos?
Desde 2016 e de xeito pioneiro, o Porto de Vigo leva traballando no proxecto europeo Blue Growth de economía sostible. Por tanto, o plan de investimentos que aprobamos no Consello de Administración para os vindeiros anos ten varios obxectivos prioritarios: o primeiro deles é a sostibilidade económica, mellorando tódalas nosas infraestruturas, reorganizando as diferentes Terminais e facendo máis eficiente o espazo portuario e de almacenamento na Terminal de Contedores de Guixar así como a construción da Terminal para os buques ro-ro de Bouzas. Tamén buscamos mellorar os servizos de inspección coa construción de novos Postos de Control Fronteirizos (PCF), que substituirá ao actual na área de Guixar, e outro a maiores na Terminal de Bouzas.
“As nosas prioridades son a sostibilidade económica e social e o piar medioambiental”
O segundo eixe é o piar medioambiental, e para iso estamos a levar a cabo diversos proxectos de eficiencia enerxética (Mercado e a Lonxa do Berbés), apostando por novas instalacións para enerxías limpas (construción dun depósito de Gas Natural Licuado, GNL) ou a conexión á liña eléctrica na propia Terminal.
Por último, o tercer eixe de investimento é a sostibilidade social, con proxectos de humanización e senda peonil e ciclista que percorra toda a fronteira marítima dende o Areal ata Bouzas (paseo de As Avenidas, Beiramar e o Berbés) tentando achegar o porto á cidade e viceversa. Aquí investimos máis de 14M€ grazas a un convenio de colaboración coa Xunta de Galicia.
Está prevista a ampliación das terminais de Bouzas e Guixar?
No tocante á Terminal de Bouzas, onde se mobiliza a mercadoría máis valiosa, o automóbil, apostamos, por una banda, por aumentar o espazo dispoñible a través da recuperación dunha antiga concesión e a instalación dun novo silo e, por outra, por aumentar os metros de amarre e calado cunha ampliación mínima de 18.000 m2.
No ano 2006, e sendo presidente da Autoridade Portuaria o actual alcalde de Vigo, Abel Caballero, propoñíase unha ampliación de 200.000 m2 nunha lonxitude de 700 metros de liña de amarre. En xaneiro de 2021 decidiuse propoñer un cambio de estratexia no deseño da modernización e optimización da Terminal: por unha banda, rescatouse parcialmente unha concesión na zona portuaria de Bouzas, anexa á Terminal, recuperando 65.000 m2, que foron incorporados directamente á Terminal e, por outra banda, decidiuse construír un novo silo para almacenamento de coches en altura que poderían xerar aproximadamente outros 60.000 m2 de nova superficie. Con estas dúas actuacións acadaranse uns 125.000 m2 de nova área de almacenamento.
Así mesmo, deseñouse unha proposta de novos atraques con eslora e calado suficientes para os buques ro-ro do futuro, pero que inclúe exclusivamente a infraestrutura portuaria imprescindible para as operacións de carga e descarga, sen xerar novas explanadas e cun mínimo impacto para o medio mariño. De levarse a cabo estas melloras, a Terminal de Bouzas pasaría de poder albergar a escala de 5 buques ro-ro a 8, e a superficie ampliada proposta reduciríase considerablemente, pasando aos 18.000 m2, superficie mínima para garantir a manobrabilidade dos camións.
Temos tamén a PLISAN. Que nivel de satisfacción ten con este proxecto?
Con respeto á PLISAN estamos nun momento esperanzador porque este 2022 será o de inicio da actividade empresarial e un grupo importante de empresas xa confirmaron notarialmente a súa aposta por esta Plataforma Loxística, a máis grande de Galicia e fundamental para a Área Metropolitana de Vigo e o Noroeste da Península Ibérica. Continuaremos coa urbanización da totalidade da superficie e melloraremos de forma significativa a conectividade, ao engadir á conexión coa autovía, a construción dun apartadeiro ferroviario. Nestes intres, temos aprobado o proxecto construtivo e estamos pendentes da captación de fondos europeos para financiar os 25 millóns € que se necesitan. Poderemos conectar esta Plataforma Loxística co Porto de Vigo, con Portugal, e con Europa, a través da Península.
“Coa PLISAN estamos nun momento esperanzador”
Está prevista alí a instalación de novas empresas no horizonte 2022-2023?
Hai un grupo importante de empresas que formalizaron xa o seu interese, e seguen chegando solicitudes de información para incrementar en 2023 os integrantes da Plataforma Loxística.
Con ámbolos dous proxectos (obras no Porto e a PLISAN) estase asegurando o futuro económico para o Sur de Galicia?
Sen dúbida. Malia a pandemia e das diferentes crises ás que nos tocou facer fronte, o porto de Vigo leva 4 anos pechando con datos positivos de tráfico. Se tomamos os datos acumulados destes últimos catro anos, vemos cómo o tráfico aumentou máis dun +16%. Isto indícanos que a economía de Vigo e da súa área están fortes malia as moitas complicacións.
Para seguir consolidando esta tendencia alcista é preciso ofrecer máis espazo ás empresas que operan no porto de Vigo, ben cunha reorganización interna ou xerando novas localizacións como a PLISAN. Tamén é preciso facilitar a xestión a través da dixitalización de tódalas operacións portuarias, mellorar as nosas infraestruturas para adaptalas ás novas necesidades do tráfico marítimo, optimizar os procesos de xestión e control da importación e exportación de mercadorías e, por último, ofrecer un acceso directo, moderno e eficiente por estrada e ferrocarril a todas as instalacións portuarias, así como promover as enerxías limpas e facer autosuficiente o porto. É imprescindible a conexión ferroviaria coa Terminal máis grande do porto de Vigo, a de Bouzas.
“É imprescindible a conexión ferroviaria coa Terminal máis grande do porto de Vigo, a de Bouzas”
En materia de actividade portuaria e comercio internacional, como está afectando a Vigo e Galicia o contexto derivado das actuais tensións xeopolíticas (Ucraína, Taiwán)?
Lóxicamente, coma calquera actividade empresarial ou de comercio internacional, nestes momentos, a actividade portuaria está lastrada por diferentes factores, como os altos costes da enerxía, a escaseza de determinadas materias primas ou a inestabilidade global producida pola guerra de Ucraína. Nembargantes, o Porto de Vigo segue, a día de hoxe, con crecemento nas súas cifras globais de actividade. Unha estabilización de todos estes factores dará solidez ao crecemento futuro. Somos optimistas, porque entendemos que o tecido empresarial da nosa área de influencia indica que son empresas moi maduras e que están a responder moi ben ás dificultades.