Alcalde do Concello de Nigrán desde 2015, Juan A. González (PSdeG-PSOE) observa con optimismo o desenvolvemento deste municipio do Val Miñor. Paralelamente, e como presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, o rexedor nigranés estivo recentemente nos campamentos de refuxiados saharauís en Tinduf (Alxeria).
Como presidente do Fondo Galego de Cooperación, Vde. visitou en febreiro os campamentos de refuxiados sahauraís en Tinduf. Tomando en conta a “nova era” de Pedro Sánchez nas relacións con Marrocos, qué impresións tivo durante esta visita e cómo observa a situación do pobo saharauí?
Na semana que estivemos alí, por unha banda, observamos unha xente estremadamente hospitalaria, orgullosa do seu pasado como pobo nómada pero cunha ‘espiña clavada’ polo abandono sufrido durante moitos anos por parte de España e o seu posicionamento ambiguo sobre a causa saharauí. Un posicionamento que, cando voltamos, desafortunadamente xa non era tan ambiguo ante a evidencia de que o goberno español se aliñou coas posicións de Marrocos.
Eu, que son do mesmo partido que o goberno do Estado, síntome triste, enfadado, decepcionado por esta actitude. En Tinduf reuninme co presidente saharauí Ibrahim Ghali, lle comentei que estaba asombrado pola hospitalidade dos saharauís, de estar en medio do deserto e que os nenos me saudaban camiño á escola. Parecían xente da túa familia. A sensación que teño é que abandonamos a esa familia.
“Non estamos de acordo con esta postura de Pedro Sánchez co Sáhara. Creo que é un erro”
A Fronte Polisario emitiu recentemente un comunicado no que suspendía temporalmente as súas relacións co goberno de Pedro Sánchez. Durante a vosa estancia en Tinduf, xa se preveía esa sensación de ruptura?
Non sabíamos. Estábamos ilusionados de que por fin puidera facerse ese referéndum de Nacións Unidas sobre o Sáhara que leva pendente desde 1991. Por tanto, non nos esperábamos este xiro por parte do goberno español. Non estamos de acordo con esta postura. Creo que é un erro. Dende o Fondo Galego fixemos unha moción por parte dos Concellos membro no que lle pedimos ao Estado que repense esa postura.
Temos tamén o asunto dos refuxiados ucraínos. Hai algún caso de acollida en Nigrán?
Si, de acollida a nivel familiar. Hai aproximadamente unha ducia de refuxiados ucraínos en Nigrán. Os casos que coñecemos son de ucraínos con familia ou con coñecidos aquí. Están facendo connosco as súas actividades deportivas, culturais e educativas. Dámoslle axuda alimentaria, educativa, psicoloxica e sanitaria. Entendo a solidariedade da xente pero cando estamos ante casos de refuxiados por unha guerra hai que ser un pouco máis ‘fríos’. Aquí todo o mundo traía ucraínos pero todo este proceso require de organización para que se lles poda dar educación, formación, sanidade. Porque logo pasan situacións como a que sucederon aquí cunha familia en Nigrán na que teño constancia de que, aos tres días de traer aos refuxiados, botáronos da casa porque non os aguantaban. Porque son xente que teñen moitos problemas, veñen dunha guerra, escaparon e deixaron familia alí. Tamén pedimos á Administración autonómica que se apure un pouco en canto á xestión. Nós propuxemos á Xunta de Galicia a Residencia de Patos como lugar de acollida porque son case 200 prazas con todos os servizos e, tras dous meses de aprobarse, non veu ninguén.
Acaba de ser nomeado como delegado e representante do Xeodestino Vigo-Baixo Miño. Qué implica para Nigrán este nomeamento?
Basicamente dar continuidade a este proxecto. Tócanos a presidencia por un ano, antes estaba en Mos. Somos 14 alcaldes, cun consenso orientado a que os nosos destinos turísticos sexan máis apetecibles e seguros, sempre coa intención de darnos a coñecer por fóra do Sur de Galicia.
Nigrán forma parte do itinerario do Camiño Portugués da Costa. De cara a este Xacobeo 21-22, qué expectativas ten o Concello en materia de acollida de peregrinos e turistas?
A temporada vai ser boa. Foi boa tamén durante os anos de pandemia pero agora creo que será mellor porque o destino Nigrán e Rías Baixas se vende por sí só, o clima e as praias son boas, o medio natural e a gastronomía son apetecibles e a acollida dos veciños aos visitantes sempre é fraternal. O Camiño de Santiago é un activo máis porque observamos que veñen centenares de peregrinos que pasan por Nigrán, coñecen a nosa paisaxe e tamén consumen aquí.
Consorcio da Zona Franca e o Porto do Molle. Qué repercusións está tendo esta aposta para Nigrán en materia económica e de emprego?
Está repercutindo en tódolos sentidos, dun xeito que está cambiando o noso punto de vista económico. Unha, porque hai 4.000 persoas traballando en Porto do Molle, moitas delas de Nigrán e do seu entorno. Sabemos que son empresas tecnolóxicas pero tamén ten o seu compoñente social e comercial co Centro Comercial Nasas Nigrán que está en fase de desenvolvemento e que dará case 500 novos empregos. Tamén está pendente de licenza un Centro de Maiores, está avanzando o sector da restauración, vaise construír un hotel. Por tanto, economicamente para Nigrán nos da unha estabilidad que non tíñamos a nivel de ingresos e de emprego. Porto do Molle é presente e futuro de Nigrán.
“O Porto do Molle está repercutindo en tódolos sentidos, dun xeito que está cambiando o noso punto de vista económico”
Entedemos que con David Regades, Delegado do Estado para a Zona Franca, hai unha sintonía total.
Si, sempre.
O seu partido ten actualmente maioría absoluta no Consorcio Municipal. Qué expectativas ten de cara aos comicios municipais 2023?
Eu teño boas expectativas. Sempre lle digo aos concelleiros que nós estamos en campaña dende o día seguinte de gañar as últimas eleccións. É o meu traballo, non podo pensar que vou a poñerme en contacto directo cos veciños a partir do mes de outubro de 2022 porque senón sería un fracaso. Nós seguimos coa nosa forma de xestionar, estar cerca da xente na rúa todos os días, tentar seguir sendo un grupo moi compacto para transmitir confianza, que o alcalde e a Corporación están cos veciños todos os días do ano. Cautos sempre, cos pés no chan porque os candidatos que se presenten supoño que tamén terán as mesmas expectativas.