Nestes momentos asistimos a unha loita mediática que non tiñamos visto ata agora.
A Política do Reino de Hespaña, como escribiría Castelao, tíñase dedicado a asegurar unha alternancia de poder (PP-PSOE + ?) segundo foran as necesidades matemáticas no Parlamento. Pujol chegou a ter un enorme Poder en Madrid e Aznar chegou a “falar catalán na intimidade”; Felipe González fixo seu aquel dito “non importa que sexa gato branco ou negro; o que importa é que caze ratos”.
Eran aqueles tempos, froito da Transición (santa santorum) que parece ser foi coma un ungüento de Fierabrás político. Ninguén soñaba en que un día, unha inmensa cantidade de cidadáns desta pel de touro, como dicían os libros da miña infancia, mostraría os dentes e berraría alto e forte “”Xa non nos representades”, referíndose aos sacrosantos políticos de salón.
Pero ese momento chegou. Hoxe xa se dá por feito que os votantes galegos, cataláns , vascos ou casteláns non comungan con pedras de muíño; queren feitos e non promesas; queren sentirse úteis á sociedade en que viven; non queren ser carne de paro, de emigración, de suburbio esquencido por todos.
Este é o problema que hoxe se presenta á hora de conformar un novo goberno do Estado. Os “santos varóns” socialistas (mellor diríamos do PSOE, porque algún de socialista teñen o que eu teño de fraile de clausura) están `poñéndolle todo tipo de paus nas rodas do Secretario Xeral que, como home saído das últimas fornadas do partido, se decatou do cambio profundo operado na sociedade española, e sabe que os varóns teñen que ser subidos, con cuidado de non rompelos, ao faiado dos recordos de Karina. Claro que algúns levan anos, logo de asegurarse o cocido e ben cocido pasando polas portas xiratorias, oficiando de oráculos de Delfos, conseguindo ser escoitados pola xente, unha grande maioría, coa boca aberta. Isto lémbranos aquilo “Roma locuta, causa finita est”. Iso era ata estes momentos. Agora xa non.
Claro que esta “roma política” non ten poderes “sobrenaturais” e ninguén, agás uns cantos alienados politicamente, lle concede o don da infalibilidade. Vistas así as cousas, os santos varóns do PSOE veñen de sufrir unha pequena / grande desfeita: o xove Secretario Xeral, que veñen ninguneando dende que foi elixido coma tal, subíuselle ás barbas e esfareloulles o Plan de ataque que tiñan preparado para a última xuntanza do Comité Federal.
Cal é o problema dos vellos “socialistas”? Pois, non é outro que o medo a perder comba nas decisión que atañen á gobernabilidade do Estado Español nos próximos catro anos. Catro anos que poden ser suficientes para xubilalos a todos e non entregarlles as chaves precisas para abrir as portas xiratorias que tanta “enjundia”, que diría un castizo castelán, teñen. Ese é o problema. Gobernar con Podemos que, en principio defende o que eles non se atreveron a defender en todos estes anos en que gobernaron e co-gobernaron, é algo que polo que os leva o demo. Quedar fóra de bolos e que ninguén os considere “aiatolás”, gardadores das esencias, é algo para eles insufrible. E algunhas das novas camadas que creceron mamando nos ubres de poderes autonómicos ver que se lles escabulle entre os dedos a posibilidade de picar máis alto é algo que as saca de quicio. Pero así están as cousas de palacio.
Aquí nesta Terra Nosa (dona e señora, como gustaba chamarlle o finado Pepe Cuíña) as cousas non están mellor.
Para uns temos que manternos fieles á causa, gardiáns das esencias do nacionalismo galego que, segundo lle parece está en perigo; para os máis temos que deixar de vernos o embigo e voar alto como as gaivotas (non as do PP, cuidado!!). Entender que aquí e agora os problemas políticos urxentes son conseguir que Galicia sexa escoitada alí onde deciden por ela: Parlamento Español e Parlamento Europeo, sobre todo. Como? Da única maneira posible: estando presentes neses foros de debate e decisión. E isto como se consegue se aquí estamos empeñados e conformar reinos de taifas, con minúsculos poderes, que nin sequera chegamos con claridade aos concellos? Ese é o noso problema nestes momentos. Ser quen de presentármonos diante dos galegos cunha opción política clara, sen fendas, polas que se poidan escapar alentos importantes, cun programa de goberno para rescatar aos galegos e galegas desta situación de emerxencia na que viven: emerxencia na utilización dos nosos recursos endóxenos (que son moitos máis dos que se ven na toa); ; emerxencia dos nosos maiores que teñen que vivir , malvivir, cunhas pensións de miseria que non lles permiten ocupar unha praza decente nun Centro axeitado, para estas idades; emerxencia do noso idioma que está sendo máis valorado no estranxeiro que na propia Terra; emerxencia dos nosos estudantes, universitarios que trunfan alí onde teñen que emigrar e aquí non se lle dan medios para demostrar as súas capacidades; emerxencia nos que teñen que mancharse as máns remexendo os restos domésticos tirados nun contedor por se atopan “algún restos” de comida para levarse á boca; emexencia para os traballadores con soldos de miseria e para os que nin sequera poden soñar con iso. Para todas estas cousas precisamos “ser gobernantes das nosas potencialidades como País”. O demáis, a reivindicación dos sinais de identidade temos que sentilas moi fondamente, temos que telas no corazón ; temos que xuramentarnos non esquencelos nunca e cando teñamos conseguido un nivel de benestar decente, seguro , ilusionante para as nosas xentes, entón será o momento de presentármonos alí onde sexa preciso e reclamar, pero coa forza do noso traballo social, educativo, investigador, laboral etc., ben feito, o seu apoio.
Non teñamos dúbida de que se así o facemos non haberá medios pesebristas que poidan desfigurar nin enganar aos galegos/as; estes/as saberán, porque a realidade da súa vida así llelo vai confirmar, que os cantos serea dos televexos e dos medios que traballan “pro domo sua” son os estertores da norte política e social dos que durante séculos estiveron chuchándolles o sangue seu ou dos seus antepasados.