O Carballiño | O grupo municipal do Partido Popular no Concello do Carballiño vén de alcanzar un pacto de goberno cos socialistas que permitirá ofrecer á cidadanía da vila “un tempo certo de estabilidade política a abrir un camiño de progreso”.
O pacto “nace da necesidade de conseguir que O Carballiño avance”, destaca o grupo municipal popular. Un acordo entre os representantes municipais de dúas formacións políticas que, máis aló das súas diferenzas ideolóxicas, “toman esta decisión pensando no benestar dos habitantes da vila e do conxunto do municipio”.
As dúas forzas máis votadas no Carballiño expresan a súa intención de manter ata o remate do mandato un pacto polo que o actual alcalde socialista seguirá presidindo a corporación municipal, pasando a ocupar a tenencia de alcaldía un representante do PP.
No último ano de goberno local será o Partido Popular o que ocupe a alcaldía e o PSOE a tenencia. Tamén se establece unha representación equitativa nas distintas concellerías, aínda por pechar.
Esta é a parte política dun acordo, subliñan os populares, “que non se basea unicamente nun reparto de cadeiras nin responsabilidades”. O verdadeiro obxectivo, apuntan, “é proporcionar a estabilidade necesaria para a gobernabilidade do Concello, así como conseguir os investimentos axeitados ás necesidades do municipio e para o benestar da cidadanía, co traballo, o compromiso e as doses de negociación precisas ante as administracións nas que gobernan ambos partidos”.