O PP contra dos intereses galegos.

Cadernos da viaxe.

Tempos houbo nos que determinados sectores do PPdeG adoptaron un discurso autonomista e até certa praxe de defensa dalgúns intereses do País. Tempos nos que Xosé Cuíña exercía a secretaría xeral do PPdeG “na fronteira da autodeterminación”. Este PP comezou recuar despois da derrota deste sector na crise do Prestige para seguer coa derrota de Barreiro fronte a Feijóo no Congreso do 2006, o rexeitamento deste á aprobación dun novo Estatuto no 2007 ou a guerra lingüística da campaña do 2009.

Hoxe o PPdeG é unha sucursal do PP español (probábelmente coa excepción do PP ourensán), comezando polo seu indiscutíbel líder, moito máis próximo a facer política unionista por Madrid ou Catalunya ca a defender os intereses galegos. Velaiquí algúns exemplos. A AP-9, que é o noso principal eixo de comunicación viaria segue sen ser transferido e aturamos as máis altas peaxes do Estado, mentres as ciudades castelás e andaluzas conectar entre si por autovñia gratuíta. O orzamento de investimentos estatais diminuiu do 2016 ao 2017 un 32% (de 1350 M€ a pouco máis de 900 M€) e. Os nosos concellos perden case 500M€ ao ano por recibir só o 3% dos fondos. Pagamos a enerxía eléctrica máis cara malia ser un país produtor que sofre o custo ambiental desta produción. Os nosos portos e aeroportos, clave do noso progreso económico, seguen a ser xestionados dende a máis centralista ineficiencia.

Ou sexa que Galicia fixo moi mal negocio dándolle a Feijóo unha maioría absoluta impensábel arestora en todo o Estado. E que este voto serveu para afortalar os intereses doutros territorios. Como facemos moi mal negocio sempre que pomos os nosos intereses por baixo duns intereses xerais do Estado que nunca poden coincidir cos nosos, porque só atinximos o 5% do PIB e o 5,5% da poboación estatais e os sectores económicamente estratéxicos para nós son secundarios para España.

A ARRINCADEIRA: ERDOGAN OPRIME AOS CURDOS.
Ana Miranda, representante do BNG no Parlamento Europeo, contounos en tempo real como Erdogan amañaba un referéndum constitucional sen garantías, impedíndolle á poboación curda o exercicio dos seus dereitos. A Unión Europea habería rachar a entente con Turquía para o acollemento de refuxiados, ao amosar nidiamente que non é, de xeito ningún, un espazo seguro para eles.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.