Ourense | O PP de Ourense propón a Luis Menor Pérez como presidente da Deputación de Ourense. Así o trasladou o presidente do PPdeOU, Manuel Baltar, no marco da xunta directiva provincial celebrada na sede provincial ourensá do partido, e que estivo presidida polo líder provincial xunto ao presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, e a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado.
Manuel Baltar definiu na súa intervención a Luis Menor como “un home traballador e dialogante, cun currículum formidable e que destaca na palabra máxica da Deputación: a cooperación”. “Luis Menor ten as cualidades perfectas para liderar o goberno provincial, sendo perfectamente coñecedor da administración e das oportunidades do territorio”, sinalou o presidente do PPdeOU, que incidiu na “capacidade de diálogo e xestión” demostradas por Menor ao fronte da Dirección Xeral de Emerxencias ou, dende 2019, na Alcaldía do Pereiro de Aguiar, “revalidada o pasado 28 de maio cunha abrumadora maioría que fala do bo traballo desenvolvido a prol dos seus veciños”.
Pola súa banda, o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, agradecendo a xenerosidade de Manuel Baltar na súa decisión de dar un paso ao carón, pediu para Luis Menor o mesmo apoio, a mesma unidade e a mesma xenerosidade á fronte da Deputación que o PP de Ourense demostrou nestes anos. Reivindicou a unidade como un elemento diferenciador do proxecto popular fronte a outras formacións políticas, remarcando que os proxectos unidos sempre teñen vantaxe sobre os que airean as súas discrepancias. Ao que engadiu que “mentres o Partido Popular sexa de Ourense, tamén o será de Galicia” e que “ambas cousas van unidas e sempre o estarán”, porque este é o partido que máis se parece e mellor defende ambas realidades.
Propostos os doce deputados provinciais populares
A proposta do líder provincial realízase despois de que onte o Comité Electoral Provincial aprobase por unanimidade as propostas dos deputados provinciais en representación da Xunta Electoral de Zona (XEZ) de Ourense -na que ademais de Luis Menor, está Rosendo Fernández, Marta Nóvoa, Teresa Barge, Jorge Pumar e Manuel Seoane- e de Valdeorras -con María del Carmen González-, e que acompañarán na próxima corporación provincial a César Fernández, Plácido Álvarez, Patricia Torres, José Miguel Pérez e José María Lago.
Manuel Baltar salientou a potencia dos perfís dos doce homes e mulleres que -unha vez votados polos seus compañeiros no caso das XEZ de Ourense e Valdeorras- tomarán posesión como deputados da próxima corporación provincial. “Son unha completa garantía para afrontar os novos retos de Ourense e seguir avanzando en proxectos transformadores para o territorio”, explicou esta tarde o presidente provincial do PPdeOU nunha Xunta Directiva Provincial que comezou cun minuto de silencio polo falecemento da dona do alcalde de Punxín, Manuel Vázquez “Casalta”.
Gobernar a Deputación, “o obxectivo fundamental” do 28-M
Manuel Baltar fixo un breve balance do horizonte post electoral do 28-M, sinalando a importancia de blindar o goberno da Deputación de Ourense. “As eleccións municipais gáñaas quen goberna a Deputación. E este era, por tanto, o obxectivo primario destas municipais: despois de quedar a 150 votos da maioría absoluta, era fundamental garantir o goberno popular ao fronte dunha administración decisiva para a vertebración da provincia, e así poder seguir atendendo ás necesidades dos veciños, dos concellos e do tecido asociativo ourensán”.
Nesta mesma liña, o presidente do PPdeOU puxo en valor o desenvolvemento das negociacións postelectorais para acadar gobernos estables en toda a provincia, antepoñendo sempre o interese colectivo fronte ás lóxicas partidistas: “Ás 51 maiorías absolutas sumamos os gobernos en Punxín, Laza, Viana do Bolo e Beade, ademais do cogoberno en Ramirás e en Xinzo de Limia. Do 28-M saímos, sen dúbida, cun reforzado liderado no ámbito municipal ourensán”.
La Moncloa
Na súa intervención, o presidente do PPdeOU incidiu especialmente na importancia das vindeiras eleccións xerais, cuxa campaña comeza ás 00,00 horas deste venres. “É o momento dun cambio de rumbo: España merece un presidente como o ourensán Alberto Núñez Feijóo”, sinalou Manuel Baltar, que incidiu nos vencellos na provincia do candidato popular e a súa probada capacidade de liderado como “as mellores garantías de futuro”.
“En Ourense coñecemos moi ben a Feijóo, e Feijóo coñece moi ben a Ourense. Temos o mellor candidato, as nosas listas ao Congreso e Senado son fantásticas e a maquinaria do PPdeOU está perfectamente engraxada ante esta campaña na que traballaremos arreo e que nace co obxectivo de acadar o 3-1, eses tres deputados que contribuirán á gran vitoria popular o vindeiro domingo 23 de xullo”, remarcou esta tarde Manuel Baltar.
Nesta mesma liña, Alfonso Rueda animou á provincia a ofrecer o mellor de si para as eleccións xerais do 23 de xullo: “Hai un ourensán, Alberto Núñez Feijóo, que precisa un partido mobilizado, activado e ilusionado. Comezando por encher este domingo a Praza de Touros de Pontevedra”.