Marta Fernández-Tapias Núñez e Javier Guerra Fernández lideran as dúas opcións para a candidatura do PP de Vigo.Vigo | O vindeiro 18 de decembro, o Partido Popular de Vigo realizará o seu XIII Congreso Local para elixir a súa presidencia. Dúas candidaturas se enfrontan co reto de liderar ao PP vigués e dar forma á candidatura do partido de cara aos comicios municipais previstos para 2023: Marta Fernández-Tapias Núñez, actual Delegada da Xunta de Galicia en Vigo; e Javier Guerra Fernández, senador polo PP.
Marta Fernández-Tapias Núñez | Delegada da Xunta de Galicia en Vigo
Vostede preséntase como candidata ás primarias do Partido Popular de Vigo. Cales son as súas propostas para liderar o partido?
Preséntome por responsabilidade e por compromiso. Por responsabilidade porque os cargos que estamos en primeira liña debémoslle todo ao partido e este paso é a miña forma de devolverlle ao PP de Vigo todo o que me deu durante estes anos. E por compromiso coa militancia.
Díxeno desde o primeiro minuto, creo nun partido que escoite ás bases, que estea pendente delas e as teña en conta. Por elas debe empezar a unidade. Os nosos militantes, afiliados e simpatizantes son os que mellor coñecen a cidade, as súas necesidades e inquedanzas. Por tanto é esencial a súa participación no deseño do PP que queremos e do futuro para Vigo. A eles e á miña cidade débome de maneira total.
“#AdnVigo é en esencia o eixo central do partido que aspiro a encabezar, desde as bases, de abaixo a arriba, e con Vigo como principal motivación”
Propostas, todas as que fun debullando estes días de campaña, pero que resumiría en recuperar a ilusión e o diálogo. E isto creo que xa o empezamos a logra. E tras a cita do sábado, traballo, traballo e máis traballo. #AdnVigo é en esencia o eixo central do partido que aspiro a encabezar, desde as bases, de abaixo a arriba, e con Vigo como principal motivación.
Como partido debemos recuperar o terreo perdido, demostrar que hai outras formas de facer política e situarnos como unha alternativa crible e confiable a ollos dos vigueses. Debemos devolver ao PP de Vigo a uns niveis acordes á súa forza na cidade. Lograr, entre todos, que os vigueses recuperen o orgullo de ser do PP e que o Partido Popular recupere o orgullo de ser vigués.
Horizonte electoral 2023. Que considera necesario para derrotar a Abel Caballero?
Creo que fan falta ideas novas e outra xeración que tome relevo.
Negar o éxito electoral de Caballero é absurdo. Pero creo que se poden defender os intereses da cidade doutra forma. Vigo é unha cidade inclusiva e así debería ser. Pelexarse cos Concellos veciños, coa Xunta, co Celta… non creo que sexa bo para os vigueses. Non se pode estar pelexado con todo o mundo todo o tempo. Iso beneficia a Caballero pero non beneficia a Vigo. Sobre todo cando despois non se defenden os intereses da cidade e dos vigueses ante o Goberno central. Vímolo cos remanentes, coa supresión das peaxes… Cando hai que defender Vigo diante do Goberno Central, Caballero ponse moi manso. O camiño debe ser outro.
Creo que a nosa cidade merécese unha defensa real e non ficticia do que precisa Vigo co obxectivo para que volva ser esa fortaleza industrial, económica ou cultural que fomos.
Coa vista posta en 2023, imos a por todas. Quen sae a perder, perde seguro.
Javier Guerra | Senador Grupo Parlamentario Popular
Vostede preséntase como candidato ás primarias do Partido Popular de Vigo. Cales son as súas propostas para liderar o partido?
Primeiro, nós estamos traballando para presentar unha candidatura unitaria, de equipo e con experiencia nas áreas municipal e autonómica, o cal é fundamental para asumir esta responsabilidade. Segundo, ten que ser un proxecto que nazca dende Vigo sen ningunha dependencia do partido, respectuosa con eses ámbitos pero tamén cos interesese de Vigo. Terceiro, concretar un partido moderno, cunha estrutura plana e participativa, que contemple diversos grupos de traballo sobre distintos temas e cunha responsabilidade compartida e útil para os intereses tanto do partido como dos vigueses. En resumo, tres prioridades: equipo e experiencia; proxecto nacido de Vigo; e un partido máis moderno.
“Tres prioridades: equipo e experiencia; proxecto nacido de Vigo; e un partido máis moderno”
Horizonte electoral 2023. Qué considera necesario para derrotar a Abel Caballero?
Primeiro, unidade. Segundo, a achega de tódalas persoas con experiencia de goberno e en institucións para presentar un proxecto de cidade crible. E terceiro, un programa electoral dende a base para que os cidadáns se sintan identificados.