Ana Pontón (Sarria) é a portavoz nacional do BNG. Logo de recoller o mellor resultado para o partido durante as pasadas eleccións, considera máis que nunca seguir presionando contra as políticas de “agresión” e “expolio” en materia industrial e tamén reclamar todas as competencias que quedan por transferir a Galicia.
Como política de esquerdas, cal é a súa valoración ao acontecido en Francia co cinto sanitario arredor da ultradereita?
O pasado domingo mirábamos todos e todas con moita expectación o que sucedía en Francia porque estaba a xogarse unha partida moi importante: se a ultradereita gañase acabaría normalizándose nos gobernos co perigo que iso supón para os dereitos, para as liberdades e para a democracia. Foi o triunfo dun pobo que se mobilizou para votar e así evitar un retroceso desas características.
Despois do último congreso da UPG, cales son os retos desta formación tanto dentro como fóra do BNG?
Esa é unha pregunta que se lle debe facer ao mesmo secretario xeral da UPG ou á propia formación. Eu son portavoz nacional do BNG e, por tanto, non podo opinar a respecto das prioridades dos colectivos ou das organizacións que conforman o Bloque.
“Debemos ter claro cales son os nosos principios e ter moi claro cal é o país onde vivimos e como somos capaces de avanzar”
Hai uns días pedía “combater o esquerdismo infantil”; como define este concepto?
Pois nós temos que combater aquilo xa definido polos marxistas hai tempo, ese infantilismo que se dá na esquerda e non ser capaces de analizar correctamente canto sucede ao noso redor para buscar as medidas que debemos tomar e non deixarnos levar polo ideoloxismo. Debemos ter claro cales son os nosos principios e ter moi claro cal é o país onde vivimos e como somos capaces de avanzar. Esa é a liña de traballo para o BNG durante os últimos anos, pois é importante que unha forza política teña principios sólidos mais tamén que saiba analizar o país onde vive e buscar as mellores estratexias para que os nosos principios avancen.
Sendo agora mesmo a segunda forza política de Galicia, como quererían sumar máis forzas ao proxecto do BNG de cara ás autonómicas e ante unha hipotética perda da maioría absoluta do PP?
O noso traballo consiste en realizar unha oposición firme e, ao mesmo tempo, poñer alternativas. Por ese motivo formamos un goberno alternativo do BNG que ten precisamente eses dous obxectivos: firmeza na oposición e tamén ofrecer unha proposta ante cada crítica. Seguiremos traballando nunha liña de expandir o BNG mantendo contactos con axentes políticos e sociais no noso país e seguir na dirección marcada en 2016 que nos trouxo estes resultados e cremos que é a liña onde debemos profundizar.
“Este 25 de xullo uniremos todas as loitas que hai no país e sobre a esperanza que representa para Galicia o BNG”
Este 25 de Xullo, cales son as liñas que quere mostrar o BNG?
Primeiro, mostrar a gran fortaleza do BNG, estamos no gran momento da nosa historia. O segundo, mostrar que somos unha organización moi forte, sólida e cohesionada. O terceiro, poñer sobre a mesa que hai unha alternativa política fronte as agresións que vive o noso país, unhas agresións como son o expolio eólico, Altri, a precarización laboral ou os problemas de acceso á vivenda por unha política da Xunta claramente neoliberal. Por tanto, neste 25 de xullo uniremos todas as loitas que hai no país e sobre a esperanza que representa para Galicia o BNG.
O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alfonso Rueda, declaraba que ve difícil un pacto PP-BNG por ser o Bloque un partido que quere “o comunismo, a independencia e monolingüismo”. Cal é a súa resposta?
Considero que o PP está inmerso nunha soberbia absolutista e, por tanto, non quere pactar nada con ninguén. Durante a última lexislatura, co BNG como segunda forza política, non quixo chegar nunca a acordos. Isto é así porque o señor Rueda non ten as mans libres para decidir con quen pacta ou con quen non, punto este marcado desde Madrid polo señor Feijóo. Considero pois que o señor Rueda debe deixar de facerlle oposición ao BNG e dedicarse a gobernar que para iso lle pagamos os galegos e galegas.
E para o vindeiro curso político teñen pensadas unhas liñas específicas de actuación?
Continuaremos na defensa da sanidade pública, defender o emprego digno para mozos e mozas que teñen dereito a ter traballo aquí, para frear o expolio eólico e o deterioro do noso territorio con proxectos como pode ser Altri e tamén para defender dereitos desde o feminismo e desde unha concepción social avanzada; e tamén seguiremos coa defensa da paz e denunciando o xenocidio en Palestina.
“Nós avogamos pola defensa dun novo estatus político de nación para Galicia”
Existe intención de pedir máis competencias estatutarias ou pedir directamente un novo estatuto de autonomía?
Creo que son liñas complementarias pois nós dicimos que debemos incrementar o autogoberno despois de quince anos, tempo no cal o PP non pediu ningunha nova competencia, creo que Murcia ten unha situación similar, o resto de CCAA foron incrementando o seu autogoberno. Nós temos dereito a máis autogoberno que é igual a máis benestar, por iso reclamamos actuar en dúas vías. A primeira, transferencia inmediata todas as competencias pendentes, nós temos identificados até 35 ámbitos competenciais. En segundo lugar, creo que no Parlamento galego sería positivo ter unha ponencia para falar sobre como agrandar o noso autogoberno. Nós avogamos pola defensa dun novo estatus político de nación para Galicia, mais é evidente que para iso é necesario retirar o freo colocado polo PP ao autogoberno. Isto último fai que Galicia quede atrás e os demais avanzan.
Cal cre que é o motivo dese freo?
Que o PP non cre no autogoberno e só obedece ao que di Madrid.