Cadernos da viaxe.
No 2019 o PSdeG foi a forza máis votada nas eleccións locais de Ourense, con 9 concellerías, mentres a Democracia Ourensana (DO) de Pérez Jácome obtiña 7. Porén, Núñez Feijóo decidiu votar a Pérez Jácome para evitar que o PSdeG quitase a alcaldía, mentres en troques DO apoiaba na Deputación a elección de Xosé Manuel Baltar como presidente.
O 28-M DO quitou 10 concellerías, fronte a 7 do PP, 6 do PSdeG e 4 do BNG. Sendo 14 a absoluta precisábanse os votos todos do PPdeG, PSdeG e BNG para substituir Pérez Jácome na alcaldía. Mentres, na Deputación, o PP continuaba sen maioría absoluta.
Pérez Jácome foi denunciado perante Fiscalía polo PP, PSdeG e BNG por mor duns audios publicados no xornal ourensán La Región que semellaban achegar indicios de feitos que poderían ser constitutivos de delictos relevantes no ámbito da gobernanza pública.
“O momento político esixía un acordo amplo de todos os partidos agás DO para substituir na alcaldía á persoa sospeitosa dunha semellante conduta”
O momento político esixía un acordo amplo de todos os partidos agás DO para substituir na alcaldía á persoa sospeitosa dunha semellante conduta. Mais estaba o problema de Xosé Manuel Baltar, tamén indiciariamente responsábel dun delicto de manexo temerario dun automóvil da Deputación ourensá, mentres se coñecía que a mesma viaxe e algunhas anteriores, pola súa eventual finalidade privada, poderían ser investigadas potencialmente como delictos de malversación de uso de vehículos público.
Entón X.M. Baltar renunciou á súa reeleción, abrindo unha solución a tres bandas para a alcaldía, que pasaba polo apoio do BNG e do PP ao candidato do PSdeG, o ex alcalde Francisco Rodríguez. Na noite anterior á investidura o candidato do PP, o tamén ex alcalde Manuel Cabezas, ofrecía este apoio. E moi axiña sóubose que o BNG coincidiría no mesmo voto. Serían 17 concelleiros sobre 27, unha ampla maioría para lle dar estabilidade e dignidade á Institución local da terceira cidade do noso país.
Mais moi poucas horas antes da votación de investidura o PPdeG, seguindo ordes directas de Alfonso Rueda e Paula Prado, asinaba un pacto con DO acordando votar ambos os dous partidos aos seus propios candidatos para elixir ao candidato de cadansúa forza máis votada. O PP voltaba facer alcalde Pérez Jácome.
Tampouco ficou indemne o PSdeG. A súa Executiva Nacional careceu da intelixencia a viaxprecisa para anunciar, logo da retirada de Baltar, que os seus deputados ían a se abster para garantir a elección do candidato popular, para que o PPdeG perdera o argumento usado este sábado para defender o pacto. E o seu secretario provincial, Rodríguez Villarino, defendía hai días negociacións con Pérez Jácome que xeraban confusión a respecto da posibilidade dun acordo DO-PSdeG.
Só o BNG e o seu candidato Xosé Luis Seara mantiveron unha inequívoca actitude de oposición á investidura de Jácome, promovendo os medios precisos para elixir un alcalde alternativo a medio do seu voto ao candidato socialista. Semella, pois, que o futuro labor de oposición vai ser desenvolvido sobranceiramente polos soberanistas, mentres xulgados e fiscalía desenvolven as pescudas xa abertas a respecto da conduta de Pérez Jácome, prognosticando un comezo de lexislatura inestábel e probábelmente cheo de novas rechamantes.