Ponteareas/PP | Dende o Grupo Municipal do Partido Popular de Ponteareas manifestamos o noso rotundo respaldo ao engalanamento da vila para as festas de Nadal, que xunto coas actividades culturais promovidas maiormente polos colectivos da vila, axudan e apoian as vendas do comercio local, nunhas datas consideradas de maior consumo do ano. A pesar de que os actos promovidos neste Nadal polo Concello poden ser cualificados de pobres, de falta de iniciativa e cunha total desorganización, como foi o caso da Cabalgata de Reis, con tres míseras carrozas e mal organizada; o único destacable era a insegura rapañota de caramelos que lanzaban as súas maxestades, para iso se puido aforrar unha chea de cartos que valeu o aluguer das carrozas e empregar unicamente os vehículos municipais para repartir os caramelos entre os cativos asistentes.
O que nos segue a resultar curioso, afirma o portavoz do PP, é o cambio de criterio dos grupos políticos que conforman o goberno de cando estaban na oposición, onde insistían que non era preciso gastar tanto en alumeado de Nadal e que había que destinar parte deses cartos á emerxencia social e a paliar as carencias dos máis necesitados. Chegaron, e co incremento de 30.000 euros máis para emerxencia social, parece ser que xa solucionaron todos os problemas dos máis necesitados. O certo é que só en alumeados, este de Nadal, o das festas de setembro e do Corpus Christi gastaron preto dos 60.000 euros.
Este goberno de Ponteareas, como xa nos van tendo acostumados, segue coa mesma tónica, pregoan a transparencia e a participación e despois esconden a realidade e os datos, chegan ata tal punto que, que nos saibamos, a dividir en dúas facturas o custe total da iluminación de Nadal (7.199,50€ e 15.999,83), al igual que fixeron no Corpus coas facturas da orquestra Panorama.
En definitiva, este segue a ser o goberno da contradición, fan o contrario do que criticaban cando estaban na oposición.