Para o PP de Ponteareas a aprobación definitiva do PXOM é vital e necesaria para o futuro desenvolvemento do noso concello e pídelle ao goberno tripartito que tome as medidas necesarias para acadar a aprobación o máis urxente posible.
Ponteareas/PP | De acordo coa información ofrecida polo equipo redactor na última Xunta de Portavoces e unha vez analizada con detalle e rigor a Resolución denegatoria da Xunta de Galicia do PXOM, dende o Partido Popular de Ponteareas entendemos que o Goberno Municipal debe dar unha resposta urxente e rápida a todos os requirimentos feitos pola da Dirección Xeral de Urbanismo.
Para o portavoz do PP, Salvador González Solla, a Resolución da Consellería non é máis que un análise de contraste final, inherente á propia tramitación técnica e administrativa de calquera Plan, e na que se recollen unha serie de emendas, requirimentos de rectificación e distintas aclaracións sobre o contido do documento do PXOM aprobado provisionalmente, polo que será necesario realizar “axustes documentais de carácter técnico” que non determinan para nada o rexeitamento do Plan, se non que máis ben, segue a confirmarse que o Plan iniciado e practicamente rematado por nós é un documento ambicioso e necesario para o desenvolvemento do noso concello.
Para o PP de Ponteareas a Resolución demostra pois, que non estamos para nada ante unha Resolución ou decisión política da Consellería, se non que estamos ante unha “Resolución de contido puramente técnico”, onde son os técnicos do equipo redactor e os técnicos municipais os que deberán afrontar este traballo profesional para dar cumprimento ao contido da Resolución.
Ademais, queremos sinalar que isto non é un feito excepcional, se non máis ben isto é o habitual, polo que non debemos alarmar aos veciños e veciñas, nin tampouco vamos a facer unha guerra co planeamento dende a oposición. Agora, o que toca é simplemente traballar tecnicamente coa maior celeridade para dar canto antes resposta ao que nos están requirindo.
Para o Partido Popular, o goberno tripartito é o que “ten a responsabilidade de resolver” de maneira urxente todos os requirimentos atopados no PXOM e colaborar de xeito estreito coa Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para a consecución da aprobación definitiva do Plan.
Por isto, solicitamos que o equipo de goberno tome as medidas necesarias para resolver as dúbidas e indeterminacións que puidesen atoparse para a corrección do documento e que se elabore un calendario preciso e organizado onde se inclúan todos os medios e as tarefas necesarias para acadar o obxectivo final, e se fose preciso a emisión de novos informes por outros organismos, que se actúe de forma urxente para a súa consecución.
Para rematar, dicir que o GM do PP como grupo da oposición responsable en todo o proceso da tramitación do PXOM reitera o seu apoio ao Plan Xeral aprobado provisionalmente, ao igual que o fixemos na aprobación inicial, xa que para nós á vista dos axustes e reformas realizadas na fase de exposición ao público, o Plan sigue mantendo a filosofía de orden e coherencia co “Proxecto Urbanístico” que viñemos elaborando durante anos co enriquecemento de moitas propostas dos veciños e colectivos.
Estamos pois ante o último esforzo que debe realizar o Concello para acadar unha regulación urbanística xeral, moderna, coherente e que cubrirá as necesidades e servizos dos nosos veciños/as, tanto da vila como do rural. Razón esta, máis que suficiente, para que fagamos todo o imprescindible para cumprir canto antes á Resolución.